Magariños ofrece a man tendida do BNG para construír un concello moderno, dinámico e feminista, onde poder vivir e traballar

 Logo de que a semana pasada o BNG dera a coñecer a lista coa que concorrerá ás eleccións municipais, na tarde de hoxe sábado 23 de marzo, a organización nacionalista presenta nun acto publico no MOME a candidatura, un acto no que contou coa participación do deputado do BNG, Luís Bará.
O actual concelleiro nacionalista e candidato á alcaldía explicou que “esta candidatura que teño a honra de encabezar está preparada para enfrontar os problemas da Estrada Real, ás que o PP non lle dá importancia, porque non teñen o suficiente lustre. Algunhas a priori poden parecer pequenas cousas, mais inciden no día a día dos veciños e veciñas. Outras, sen embargo son estruturais mais tamén políticos, e teñen como consecuencia a parálise en todos os eidos.”
“A Estrada ten que saír do estancamento económico e social no que leva inmersa”, engadiu, “paro, peches de comercios e negocios é o habitual no noso concello. Isto leva a que perdamos poboación; a piques estamos de baixar dos 20.000 habitantes. Mais isto ao PP non lle dá importancia, non teñen brillo como o cemento da nova alameda que nos deixa a todos deslumbrandos.”
A candidato á alcaldía do BNG explicou que “queremos unha A Estrada que recupere o impulso económico, que sexa motor de creación de emprego da nosa comarca e que teña por bandeira ser o concello do moble e da madeira, coma sempre foi.”
“Iso queremos, con todas e con todos vos”, engadiu “aos e ás que vos tendemos a mana para poñer en marcha un novo proxecto de concello, novo, vivo, dinámico, consciente do seu potencial e orgulloso do seu patrimonio cultural e arquitectónico, así como da lingua galega que nos une.”
Por outra parte, o concelleiro nacionalista tamén tivo un recordo para recordar o paso do BNG polo goberno municipal, afirmando que “no BNG sabemos facelo, sabemos gobernar, xa o demostramos hai poucos anos no goberno bipartito. Agora é o momento de construír unha nova A Estrada, que conte con todas e todos, que cree consensos entre os axentes económicos e sociais, que ofreza aos veciñas e veciños un concello moderno e dinámico, onde poder vivir e traballar.  É o momento de apostar por unha A Estrada nova, verde, integradora, máis xusta e con máis igualdade.”
Xosé Magariños tamén indicou en referencia á candidatura do BNG que “non somos unha organización política de líderes mesiánicos, senón que somos o resultado da suma de todas as nosas forzas, da nosa disposición a traballar por conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, onde todos teñamos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades para acadar os nosos obxectivos persoais. Somos, en definitiva, unha organización política que mira polas ventás a realidade do país e non perdemos o tempo mirándonos no espello”.Unha A Estrada feministaPor outra parte, a candidata Susana Camba Castro indicou que “no Bloque sabemos que sen nós, sen as mulleres, non se pode facer unha política que axude realmente á maioría social. Porque a metade desa maioría social somos as mulleres, que aos problemas propios de toda a clase traballadora temos que engadir unha serie de problemáticas específicas, e é iso o que fai que o Bloque saiba que as mulleres non son un anexo pasivo que se pon nas candidaturas para facer vulto, senón a forza que pode cambiar esta vila”. “Neste intre no que as mulleres vemos como se tenta facer retroceder os nosos dereitos”, engadiu, “cómpre, máis que nunca, batallar pola igualdade real en tódolos ámbitos da vida, e a política é outro espazo máis onde as mulleres temos que facernos oír, por iso esta candidatura é maioritariamente feminina.”
“É por todo isto que o BNG ten propostas exclusivas en materia de igualdade”, explicou, “como pode ser creación de consellos sectoriais para a participación cidadá, cun consello específico para mulleres e formado por mulleres fará que teñamos visibilidade e voz no funcionamento do concello”.
“Do mesmo xeito o BNG propón a creación dun parque público de vivenda a un prezo asumible polas familias,” engadiu, “unha proposta que tamén, ao igual que as anteriormente mencionadas, é beneficiosa para o conxunto dos veciños e veciñas de A Estrada mais, por mor da fenda salarial, terá un impacto inda meirande nas mulleres, como as familias monoparentais onde a cabeza de familia é unha muller”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta