O domingo celebrarase o VII festival galego de teatro escolar da Estrada no Teatro Principal

Este domingo, 8 de maio, ás 11:00 horas celebrarase o VII festival galego de teatro escolar da Estrada no Teatro Principal da localidade. A actuación na que participarán alumnos do IES Losada Diéguez e de centros da contorna dará paso, como xa é habitual, ao roteiro teatral, poético e musical na parroquia de Sabucedo, segundo informou hoxe o concelleiro de Cultura, Juan Constenla. O Festival, co título de Vogando nos contos, estará composto por varios grupos de teatro de diferentes centros, entre os que se contan a aula de teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas de Santiago, a aula de teatro do CPI de Touro, a Escola Municipal de Teatro de Laxe e o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, ademais da Aula de Teatro do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez da Estrada, a través da súa compañía, Avelaíñas Teatro. Antes desta actuación na vila, estes conxuntos actuaron no Teatro Principal de Ourense, en Touro, Santiago e Palas de Rei, e actuarán tamén en Laxe proximamente. Coma tódolos anos, ao rematar o ciclo de representacións, os alumnos e profesores farán unha viaxe, que nesta ocasión os levará ata Italia, onde teñen previstas varias actuacións máis, segundo explicaron os coordinadores de Avelaíñas Teatro, Xosé Eixo e Afonso García. Os alumnos visitarán Pisa e Bolonia e actuarán en centros educativos das cidades. Esta viaxe terá lugar do 11 ao 19 de maio e arredor de 85 rapaces dos cinco grupos viaxarán xuntos, indicaron os coordinadores, que lembraron para rematar que a entrada á actuación é gratuíta e o público poderá acceder ao teatro ata completar o aforo.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta