Comezan os traballos de iluminación na Alameda e os xogos agardarán ata mediados de xuño

Hoxe comezaron os traballos de cabreado para dotar de iluminación o espazo da nova Alameda e zona dos xardíns que rodean a Casa Consistorial da Estrada e haberá que agardar ata mediados de xuño para a instalación dos elementos que compoñen as zonas de xogo da zona, segundo informou o alcalde da localidade, José López Campos.

A partir da vindeira semana comezará o traballo de iluminación dos 800 metros de bancos que compoñen a zona dos xardíns con sendos metros de iluminación LED instalada no mordente frontal das bancadas. Unha vez finalizada esa tarefa colocaranse os báculos verticais entre as árbores, que dotarán o espazo de luz indirecta, e nas prazas interiores, onde cada unha contará con dúas columnas con paneis de luz encargados de iluminar diferentes áreas, tal como ocorrerá coa praza principal aínda que a menor escala.

Tamén se instalarán tres fontes e elementos de madeira sobre os bancos a modo de respaldo. Os traballos de colocación do céspede comezarán tamén ao longo da vindeira semana e contarán cun prazo de cinco días para a súa instalación, polo que se conta con rematar os traballos antes do 16 de maio, cando se abra a totalidade do espazo á veciñanza.

Non ocorrerá o mesmo coa zona de xogos, cuxos elementos se encontran agora mesmo en fabricación, segundo afirmou López, nun proceso que ocupará seis semanas, polo que a instalación dos elementos terá que esperar ata a segunda semana de xuño.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta