
Actualmente está moi de moda falar de “mobilidade peonil”, pero este concepto está sempre referido aos centros urbanos, nos que se implantan todo tipo de medidas para garantir a seguranza vial dos veciños e veciñas. Sen embargo, esta “moda” esquece o rural, onde, paradoxalmente no caso da Estrada, vive o maior número de veciños e veciñas, e nas que se dan ademais as situacións máis perigosas, xa que teñen que compartir cos coches o espazo para se desprazaren.
Así, é moi habitual que en viais do rural que comunican lugares e parroquias, a ausencia de beiravías, onde en moitos casos non hai espazo físico para que circulen peóns con seguridade para a súa integridade física e vehículos. Ademais, dáse a circunstancia que o número de quilómetros de beirarrúas é máis ben escaso no rural, situándose en contados lugares e parroquias da Estrada.
Ante esta situación, militantes e membros da candidatura do BNG escenificaron esta situación de risco dos veciños e veciñas do rural nunha vía do concello para darlle visibilidade a esta situación que se dá en viais de todas as administracións públicas.
En consecuencia, desde o BNG propoñemos acadar das administracións titulares das vías de comunicación que asuman como prioridade a construción de beiravías nas súas estradas para que o dereito á mobilidade sexa tamén efectivo para a xente do rural. A seguranza vial é un dereito de todas e todos, independentemente de onde vivan.
—






































