A Estrada supera as 12.000 persoas na 46ª Festa do Salmón e esgota os 6.400 pinchos

A vila da Estrada acolleu hoxe a máis de 12.000 persoas na
46ª Festa do Salmón e esgotou os 6.400 pinchos do “rei do río” servidos na degustación popular. Deste xeito, o Salmón volve demostrar o seu crecente poder de convocatoria igualando as cifras récord de asistencia xa fixadas nas edicións dos anos 2014 e 2018 e
ateigou o Novo Mercado e a súa contorna, onde se concentraron os actos gastronómicos, a Zona dos Viños e outras rúas con gran peso hostaleiro, así como os restaurantes e moitos domicilios particulares que aproveitaron a xornada festiva para convidar a familiares e amigos en torno a este mítico peixe.
O “día grande” arrancou a media mañá coa recepción de autoridades por parte do alcalde estradense, José López, e do resto da corporación municipal. Tras a benvida protocolaria, e co
acompañamento da Banda de Música Municipal da Estrada, a actividade festiva desprazouse ata o Teatro Principal para a lectura do pregón a cargo do profesor Armando Requeixo e a imposición dos Salmóns de Ouro ao propio pregoeiro, ao ex presidente do CIT Luis Reimóndez a título póstumo –recibido por Catina Sanmartín–, á asociación Codeseda Viva e á empresa
Hijos de Rivera.
Neste acto institucional, o alcalde estradense aproveitou a súa quenda de intervención para destacar o crecemento consolidado e estable do certame e o innegable atractivo do seu
formato de degustación na rúa, cunha decoración moi coidada, que o converte nunha das citas gastronómicas máis especiais e admiradas da nosa comunidade. Finalmente, destacou o papel do Centro de Iniciativas e Turismo (CIT) e da Sociedade Deportiva Río Ulla como entidades
claves nesta festa e tivo unhas palabras de louvanza para a hostalaría, a restauración e os cociñeiros da Estrada “polo cariño, calidade e imaxinación que aplicades á hora de preparar as
vosas receitas de salmón, nas que misturades á perfección os pratos máis tradicionais coas propostas máis innovadoras”.

Tras este acto, o protagonismo do programa trasladouse ata o Novo Mercado e a súa contorna, que recibíu aos milleiros de asistentes co divertido espectáculo gastronómico “Sabor” a cargo da compañía Culturactiva, a música ambiental de The Bichos Jazz Band ou o obradoiro de
montaxe de moscas para a pesca do salmón. Paralelamente, o público deu boa conta dos 3.200 tiques postos á venda –200 máis dos previstos inicialmente– que permitían gozar dunha bandexa con dous petiscos cada unha. Deste xeito, rematáronse as 6.400 racións preparadas
pola decena de de establecementos participantes cunha vintena de receitas distintas.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta