O PSOE criticou a renovación do mobiliario urbano que está a instalarse
estes días na vila: “é innecesario cambiar moitos dos bancos, abondaría con
repoñer os taboleiros por outros novos. Trátase dun dispendio que se está a
pagar con cartos que son de todos”.
Tamén criticou as prioridades do goberno á hora de facer gasto, “É unha
insensatez gastar o diñeiro de todos os estradenses en comprarlle novo
mobiliario a Globalia mentres o muro do Pérez Viondi continúa sendo un
risco para os alumnos, por exemplo. Amalia Goldar respondeulle ao centro
que non había cartos para esa actuación mentres os pais e nais ven como
se renova un mobiliario que tan só carece de mantemento” afirmou López
Bueno. “López Campos debe ter claras as súas prioridades, quere centros
escolares seguros ou papeleiras novas?” sentenciou.
O voceiro socialista recomendoulle ao goberno que “se centre no
mantemento do mobiliario para non ter que mercalo cada catro anos. O
único certo é que cunha prevención axeitada teriamos bancos e papeleiras
durante décadas”.
López Bueno fixo notar o estado doutros elementos do mobiliario urbano
“na rúa Calvo Sotelo hai farois esnaquizados dende hai un ano, as árbores
que se sacaron non se repuxeron se non que se taparon os ocos con placas
metálicas, e as macetas ornamentais carecen de plantas. Se o obxectivo de
renovar o mobiliario é mellorar o aspecto das rúas, deberíase repoñer todo
e non só unha parte”. Ademais criticou que “o estado e a limpeza das
beirarrúas é mellorable en segundo que rúas”.
O líder dos socialistas manifestou que a carencia de prevención provoca o
deterioro do mobiliario: “estes dispendios están provocados pola ausencia
dun plan de mantemento, tanto de infraestruturas como destes elementos
do mobiliario urbano. En calquera organización existen plans que maximizan
a vida útil deses elementos. No noso concello non existe un documento que
determine as actuacións de reparación e prevención, e por iso os viais do
rural están en ruína, os colexios deben chamar reiteradamente ao concello
para que se envíen operarios, e a alameda ten a fonte sen limpar e o
cemento de cor marrón”.
O PSOE TACHA DE “DISPENDIO” A RENOVACIÓN DO MOBILIARIO DO CASCO URBANO
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































