Susana Camba: “O goberno do PP patina moi ben con pista de xeo ou sen ela”


 Este fin de semana o goberno municipal anunciou a posta en marcha dunha pista de xeo para amenizar as festas no Nadal. A concelleira do BNG, Susana Camba, indicou que “o goberno do PP louvase por unha medida que consideran que vai revitalizar o comercio local durante estas festas, mais o certo é que necesitan medidas serias para vivir todo o ano, non só durante 15 días.” “Isto é unha medida puntual que pouco vai axudar ao comercio local”,  afirmou a concelleira nacionalista, “que o goberno municipal anuncia a bombo e platillo como se fora algo orixinal e unha novidade”.

“O noso comercio necesita, entre outras medidas, alugueiros máis baratos”, indicou Susana Camba, “así no lo veñen dicindo empresarias e empresarios do comercio local”. “Para iso”, engadiu a concelleira do BNG, “o goberno municipal podería por en marcha unha bolsa de locais comerciais asumíbeis para que non se vexan afogados polos alugueiros”. “Tamén podería descartar áreas comerciais como a anunciada do Mercadona”, explicou a concelleira nacionalista, “que non vai supoñer unha mellora significativa no emprego, e si o peche de pequenas tendas”. “Tamén podía poñer en marcha tendas virtuais para o comercio local aproveitando a infraestrutura de A Estrada Dixital, como lle propuxo no seu día o BNG”, engadiu Susana Camba, “sen embargo, esta medida, como outras, dormen no caixón do despacho do alcalde”.

“Estas si son medidas realistas nas que se podían gastar os 15 mil euros da pista de xeo e non en fogos de artificio que non levarán a nada”, indicou.

Por outra parte, a concelleira do BNG afirmou que con “eses cartos o concello podería abrir liñas de axuda para as máis de 150 familias en risco de exclusión social do noso concello para paliar as diferenzas económicas que nestas datas se fan máis visíbeis.”

“Estas medidas son as que poñería en marcha un goberno do BNG”, explicou a concelleira nacionalista, “e o que está claro é que este goberno do PP patina moi ben con pista de xeo ou sen ela”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta