O PSOE RECLAMA RESPONSABILIDADES POLA SUSPENSIÓN DO SERVIZO NO CENTRO DE ATENCIÓN TEMPERÁ

O PSOE esixe responsabilidades pola suspensión do servizo
no Centro de Atención Temperá e afirma que “a suspensión é froito dunha
xestión atropelada de Amalia Goldar e de López Campos”. Recordan a este
efecto que “a Xunta de Galicia financiaría case o total dos custos, e por un
defecto na solicitude da subvención o Concello recibiu a cifra irrisoria de 500
euros. Esta chapuza custounos aos Estradenses 9.500 euros”.
López Bueno tamén manifestou que se mostraron “a favor da creación do
centro a pesar de que nos pareceu unha proposta pouco ambiciosa, xa que
os socialistas fomos os primeiros en propoñelo. Pero claro está que, en
servizos sociais non pode existir unha iniciativa “experimental”, se non que
se debe apostar de xeito decidido polos servizos que se pretenden prestar.
Sinceramente, parécenos que estiveron a xogar coas necesidades das
familias e dos cativos e cativas”.
A propósito do carácter experimental que defendía o goberno, os socialistas
valoran que “unicamente se trata dunha escusa para tapar a súa
incapacidade de xestionar un asunto tan delicado coma este”. Valoran que
“os servizos sociais non poden prestarse en precario, porque neste caso
obrigaron ás familias a escoller entre un CTA asentado noutra localidade ou
un máis próximo pero sen garantía de continuidade. Estamos a falar de
necesidades de nenos e nenas para o seu correcto desenvolvemento, é un
disparate anunciar un servizo e retiralo poucos meses despois”.
Tamén recorda que “a Amalia Goldar non lle gustou nada que lle fixeramos
notar a súa falta de celo cando solicitou a axuda, pero as súas neglixencias
van moito máis alá. Para culminar a cadea de despropósitos do CTA, agora
suspéndese o servizo”.
O voceiro tildou como “gravísimo” o feito de terminar sine die a prestación
do servizo “vendo o historial da xestión deste goberno, sabían
perfectamente que a fórmula de contrato menor os obrigaría a paralizar o
servizo, para garantir a súa prestación no 2020 sería necesario ter o
orzamento en prazo e cumprir un novo trámite de contratación” e esixiu
responsabilidades no equipo de goberno, “está claro que están
sobrepasados polos acontecementos, pero iso non xustifica que os usuarios
queden desamparados pola suspensión do servizo. Amalia Goldar e López
Campos deberían asumir a súa responsabilidade e cando menos
recompensar ás familias que carecen do CTA pola súa mala xestión”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta