O PSOE ESIXE AMBICIÓN

“A Estrada debe promocionarse de acordo cos hábitos dos turistas,
hai actuacións máis necesarias que a edición dunha guía en papel”
di López Bueno.

O PSOE esixe que a guía turística que anunciou no día de
onte o goberno municipal “se adapte ás tendencias do mercado turístico”.
López Bueno valora que “A Estrada debe promocionarse de acordo cos
hábitos dos turistas, hai actuacións máis necesarias que a edición dunha
guía en papel, que é cara e ineficaz. O sector camiña por outros sendeiros,
e hai que considerar as novas tecnoloxías e utilizar as canles que conecten
esta publicidade co tipo de turista que se pretende atraer”.
O voceiro socialista advirte de que “antes de anunciar a edición dunha guía
deberíase ter falado co sector. Eles coñecen o mercado e poden orientar ao
Concello sobre as necesidades que existen e como resolvelas a través da
política municipal. Sinceramente, parécenos que a edición dunha guía non é
a actuación máis urxente. A Estrada carece dun plan estratéxico e por iso
este goberno dá paus de cego: non saben que tipo de turismo queremos
promocionar, non saben a que turista queren atraer e tampouco saben onde
contactar con eses turistas”.
López Bueno considera “un disparate gastar unha suma importante de
cartos na edición dunha guía en papel. É un documento que xa non está na
vangarda do turismo e que chega a poucos turistas. Hai que apostar pola
promoción online e investir de forma eficaz os cartos dos veciños e veciñas.
Unha campaña de márketing online optimiza ao máximo o investimento e
págase en función dos resultados da promoción”.
O concelleiro pensa que “existen recursos cos que comezar a traballar, pero
fai falla iniciativa política. A Deputación de Pontevedra conta con un plan
estratéxico 2017 – 2020 que podería ser un punto de partida, e ademais
temos asociacións no noso concello que seguro que estarán encantadas de
colaborar. Incluso se podería conseguir o apoio de Turismo de Galicia e do
Clúster Turismo de Galicia para desenvolver ese plan que marque o que se
debe facer”.
Os socialistas critican que “nos últimos 9 anos non se elaborou un plan de
actuación, e iso nótase. Mentres na provincia de Pontevedra estamos en
máximos históricos no que se refire a turismo, o goberno da Estrada nin
sequera sabe cantos visitantes chegan ao noso concello. O goberno non
mide ningún indicador, e así é complicado tomar decisións acertadas”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta