Segundo informou hoxe o delegado territorial da Xunta
en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, a Xunta de Galicia reforzou o Servizo de Axuda
no Fogar (SAF) nas comarcas do Deza e Tabeirós con 13.862 horas máis ao mes provincia
para a atención das persoas con necesidades asistenciais. O Goberno galego asume o
importe que pagaba habitualmente o usuario, polo que non suporá ningún gasto para este.
En concreto, o concello de Agolada verá incrementado o número de horas deste servizo ata
1.450 ao mes; A Estrada, 1.632; Forcarei, 938; Lalín, 4.039; Rodeiro, 1.580; Silleda, 2.315 e
Vila de Cruces, 1.908 horas.
No conxunto de Galicia, o Goberno galego reforzará este servizo coa asignación de 500.000
novas horas de coidado a domicilio ao mes, das cales 122.000 corresponden aos concellos
da provincia de Pontevedra. Unha medida que supón un investimento de 6 millóns de euros
ao mes e estenderase durante o tempo que dure a situación de emerxencia sanitaria e de
estado de alarma. O obxectivo é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas
persoas que non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, pero poidan precisar a
atención nesta situación excepcional.
Neste sentido, priorizaranse os casos máis urxentes detectados polo Programa de
Asignación de Recursos, así como as persoas usuarias de centro de día, servizo que desde
a declaración de emerxencia sanitaria permanece pechado. Así mesmo, tamén se terán en
conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser
valorada.
Estas novas horas de axuda no fogar poranse á disposición dos concellos para asignalas a
aqueles casos que sexan considerados máis urxentes polo servizos sociais municipais.
Plan de continxencia
A implantación deste SAF extraordinario é unha das medidas que forman parte do Plan
social de continxencia aprobado polo Consello da Xunta para dar resposta ás consecuencias
que ten a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus nos colectivos de poboación
máis vulnerables, como é o caso das persoas dependentes.
Dentro deste Plan inclúense outras medidas. A primeira consistiu na posta en marcha, desde
a semana pasada, dun sistema de seguimento telefónico diario para as 14.400 persoas
maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional e que
nestes momentos están nas súas casas debido á suspensión da actividade nestes centros.
Ademais, ás persoas que o necesitan repárteselle 900 menús semanais nos seus domicilios.
A segunda medida foi a entrada en servizo do teléfono social (900 400 800) para
complementar o que xa existe para resolver as dúbidas relacionadas co coronavirus. Neste
teléfono aténdese a persoas con dúbidas básicas da vida cotiá nesta situación, persoas que
necesiten conversa ou acompañamento, persoas que precisen atención psicolóxica
especializada e persoas que estean nunha situación de necesidade ou especial
vulnerabilidade. Desde a súa posta en marcha este teléfono xa atendeu máis de 700
chamadas.
A terceira das medidas é a posta en marcha dun un correo electrónico para a detección
rápida de situacións de risco, atencionsocialemerxencia@xunta.gal, e para resolvelas da
man cos servizos sociais de base. En cuarto lugar, conxuntamente coa Consellería de
Educación, o Goberno galego aprobou unha axuda económica para as nenas e nenos que
dispuñan dunha bolsa de comedor na súa escola infantil, colexio ou instituto, das que se
beneficiarán máis de 51.000 fogares galegos.
Así mesmo, fíxose unha exención das cotas das escolas infantís, centros de día e
ocupacionais con financiamento público (públicos, de iniciativa social e concertados) para a
metade do mes de marzo, que serán compensados, e todo o mes de abril, que non se
cobrarán. E por último, aprobouse a maior orde de axudas da historia de Galicia destinada
ás entidades sociais de inclusión social, por un importe de 18,3 millóns de euros.






































