A Estrada prepara un programa de actividades para celebrar as Festas de San Paio, unhas festas que, como non pode ser doutro xeito, veñen marcadas pola difícil conxuntura sanitaria que estamos a atravesar. Deste xeito, a programación incide en dous aspectos claves para poder desenvolver os actos previstos. Un, a de cinguirse escrupulosamente ás medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias e administrativas en relación aos eventos en exterior; e outro, o de acentuar o carácter cultural da presente edición.
Para salvagardar a seguridade do público asistente aos distintos eventos, a organización conta cos servizos da empresa Mare, dedicada á produción de eventos musicais multitudinarios e pioneira, da man do estradense Fernando Campos, dun protocolo de produción de espectáculos ao aire libre que dá cumprimento rigoroso ás normas de prevención e saúde laboral nos servizos e producións de eventos e espectáculos ante o coronavirus ditadas polo Instituto de seguridade e saúde laboral de Galicia (Consellaría de Economía, Emprego e Industria).
Neste senso, as medidas de hixiene, seguridade e prevención establecen a acotación e perimetraxe dun recinto limitado a 400 persoas na Praza do Concello os días 26 e 27 de xuño, e outros dous de 90 e 85 persoas nas prazas do Mercado e da Feira con corredores de acceso, entradas a platea, butacas individuais e dobres (só na praza do Concello e para membros da mesma unidade habitacional), acompañadas por puntos de hixiene e persoal de produción entre o que se atopan acomodadores, controladores de entrada, persoal de seguridade e auxiliares de limpeza e hixiene.
Segundo este protocolo, a entrada de espectadores ao recinto escénico principal situado na praza do Concello e onde terán lugar as actuacións de Luar na Lubre, a Banda de Música Municipal e María do Ceo, producirase 45 minutos antes do evento e sempre portando un convite que se poderá retirar a partir do luns 22 en Robert´s Café, Café Restaurante Andalucía e na delegación de Cultura do Concello da Estrada. Non se asignarán máis de 4 entradas individuais ou 2 dobres por persoa. Pola súa banda, nos recintos situados na praza da Feira e na praza do Mercado, as butacas asignaranse por orde de chegada.
Entre outras medidas de seguridade, o público deberá acceder e abandonar o recinto escénico con máscara, respectando a distancia de seguridade e os horarios e medidas previstas pola organización do evento.
No tocante á programación en si, ante a imposibilidade de organizar unhas festas no sentido tradicional do termo; é dicir con verbenas, atraccións, postos de artesanía ou fogos de artificio; incidiuse na idea de abundar no sentido cultural das festas, dándolle prioridade a artistas locais e galegos tan prexudicados pola situación de paro no sector e que ofrecen un espectáculo axeitado para a súa visualización desde unha butaca.
Deste xeito, ao lado de propostas musicais como a de Luar na Lubre, María do Ceo, Plan Siberia, ou os Bichos, contaremos tamén con propostas escénicas como a das Lerchas, a de Magín Blanco ou a de Chelo do Rejo, Pablo Chichas e Toño Pena xunto co Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, ademais de animación de rúa e a presentación de dous libros de Manuel García Barros e un de Xosé Luna sobre A Estrada Románica. Todo co san propósito de dinamizar, na medida do posible, a hostalaría local e o sector cultural, ao tempo de adoptarmos unhas medidas de control e seguridade que permitan realizar estes actos nas condicións que marca a nova normalidade.
Seguramente non son as festas que soñamos programar, nin a bo seguro as festas que merece a nosa vila; son as festas que a situación de excepcionalidade que estamos a vivir nos permite facer. Velaquí o programa de actividades:
FESTAS DE SAN PAIO 2020
MÉRCORES 24
Pasacalle da Banda Cultural da Estrada / 12.00 h
Animación a cargo de Pulpiño Viascón / 12.00 h e 18.00 h
Chelo do Rejo, Toño Pena e Pablo Chichas + Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso / Praza do Mercado / 20.00 h
Plan Siberia / Praza da Feira / 21.30 h
XOVES 25
Animación a cargo de Lume na Lareira / 18.30 h
Presentación do libro de Xosé Luna, A Estrada Románica / Praza da Feira / 20.00 h
Os Bichos / Praza do Mercado / 20.00 h
As Lerchas / Praza da Feira / 21.30 h
VENRES 26
Animación a cargo dos Xirimbaos / 12.00 e 18.00 h
Concerto de piano da escola Musikenos /13.00 h / Praza do Mercado
A Banda das Apertas con Magín Blanco / Praza do Mercado / 20.00 h
LUAR NA LUBRE / Praza do Concello / 22.00 h (CON INVITACIÓN)
SÁBADO 27
Animación a cargo dos Atrevidos / 12.00 h e 18.00 h
Animación a cargo de Ce Orquestra Pantasma / 13.00 h
Presentación do libro as Aventuras de Alberte Quiñoi / 18.00 h / Praza do Mercado
Pasacalle da Banda Municipal da Estrada / 19.00 h
BANDA MUNICIPAL DA ESTRADA / 20.00 h / Praza da Constitución (CON INVITACIÓN)
MARÍA DO CEO / 22.15 h / Praza da Constitución (CON INVITACIÓN)
Recollida de invitacións no Concello da Estrada, Robert´s Café e Bar Restaurante Andalucía (só 4 individuais ou 2 dobres por persoa)
A Estrada, 18 de xuño de 2019











































