Susana Camba: “Deixar nun caixón a moción do BNG durante case un ano é un desprezo aos veciños e veciñas de Vea que sofren as consecuencias, non ao BNG”
En setembro de 2019 o BNG da Estrada presentou unha moción sobre o elevado volume de tráfico pesado que se rexistra na EP-8401 e as consecuencias que isto ten sobre a vida dos veciños e veciñas que viven ao pé desta estrada da Deputación de Pontevedra.
Segundo explicou a concelleira do BNG, “a día de hoxe o goberno de López aínda non a levou a pleno, o que demostra o pouco aprecio que ten o PP polos veciños e veciñas de Vea; non é de recibo que unha moción que se rexistra en setembro de 2019 aínda hoxe non pasara polo pleno para para o seu debate”.
A concelleira do BNG, Susana Camba, indicou “que somos conscientes de que a aprobación desta moción non vai solucionar o elevado volume de vehículos pesados que utilizan a diario este vial, mais o concello, como administración máis próxima aos veciños e veciñas, debe dar un toque de atención ás administracións competentes, en primeiro lugar a Deputación de Pontevedra, como titular da Estrada, mais tamén a Xunta e o Estado”.
“No BNG entendemos que este volume de tráfico pesado obedece ás abusivas peaxes da AP-9”, engadiu Susana Camba, “que empuxan aos transportistas a usar as vias secundarias para esquivar a estafa de AUDASA.”
“Por enriba”, explica a concelleira nacionalista “estamos a falar dun vial que atravesa as parroquias de Santo André de Vea, San Xiao de Vea, San Xurxo de Vea e Couso, que é estreito, sen beiravías, sen carrís lentos, con curvas perigosas, nas que xa se rexistraron accidentes que colapsaron por completo o vial; é dicir, non está preparado para acoller un elevado volume de tráfico pesado”.
A concelleira do BNG insta ao alcalde a “mostrar un mínimo de empatía cos veciños e veciñas do val de Vea, porque deixar nun caixón a moción do BNG é un desprezo aos veciños e veciñas, non á nosa organización”.