O PSOE ve falta de coordinación no goberno municipal
sobre o Plan de rehabilitación de fontes que se anunciou o pasado
mércores. Luis López Bueno asegura que “no pleno de agosto
preguntamos precisamente polo arranxo de fontes, e segundo o alcalde
iso non era unha prioridade”.
O voceiro ve neste anuncio unha “cortina de fume” para calmar os ánimos
dos veciños e veciñas “que en moitos casos levan anos reclamando
arranxos”. Non confía en que o proxecto se execute rápido, aínda que
considera “urxente” actuar sobre as fontes porque “son un servizo máis
para os veciños e incluso hai intereses patrimoniais e agrícolas nelas”.
O líder socialista valora que “cun mantemento decente non sería necesario
gastar 90.000 euros en limpalas e adecentalas”. Considera que “falta
planificación” no mantemento de calquera infraestrutura municipal e
pensa que “só se atopan en mal estado as infraestruturas cuxo
mantemento é responsabilidade do Concello”.
López Bueno refírese precisamente ao mal estado das fontes que agora se
pretenden arranxar “despois de que Dono investira milleiros de euros en
recuperalas e Constenla as abandonase os últimos 10 anos”. O líder
socialista tamén acusa ao goberno de “escatimar nos requirimentos para a
limpeza de fincas” tanto no casco urbano coma no rural, “recibimos
queixas da vila e das parroquias, trasladámosllas ao goberno, pero non se
ven resultados”.
En calquera caso, o líder socialista pídelle claridade ao goberno local “non
pode ser que os veciños vaian ao pleno e escoiten unha resposta, e unha
semana despois se anuncie o contrario na prensa”.
O PSOE NON CONFÍA NA EXECUCIÓN DO PLAN DE RECUPERACIÓN DE FONTES
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































