Será o venres 6 de novembro ás 21.00 h o día e a hora elixidos para que a mítica banda de folk galega visite o Teatro Principal, dentro da xira que os levará por 11 concellos de Galicia para celebrar o 40 aniversario da publicación do disco A Galicia de Maeloc.
No concerto, promovido por Turismo de Galicia coa colaboración do Concello da Estrada, Milladoiro fará un repaso polas pezas máis emblemáticas do seu repertorio, ademais de presentar as cancións do seu novo traballo discográfico, titulado Atlántico. Hora e media do mellor folk galego e internacional.
Os convites para este concerto poderán retirarse no departamento de Cultura do Concello da Estrada a partir do luns 2 de novembro ata un máximo de dúas entradas por persoa. Neste senso, como xa está sendo habitual ao longo da programación, a capacidade do Teatro Principal verase reducida notablemente por mor das restricións sanitarias.
A Estrada, 23 de outubro de 2020






































