Susana Camba: “A Estrada non pode ser un concello do século XXI, nin intelixente, como reza a publicidade do plan EDUSI, se non se acomete xa o saneamento do rural, un tema que só se saca cando hai eleccións municipais”.
En xaneiro de 2019 o alcalde anunciaba que a consultora IDOM ía facer un plan director de saneamento do rural, un estudo que precise a forma de actuación máis axeitada para as condicións do rural estradense. Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “deste anuncio o único que sabemos é precisamente iso, o anuncio, xa que o plan director que o alcalde anunciou poucos meses antes das eleccións municipais nada se sabe, e iso que xa falta pouco para que o anuncio cumpra dous anos”. “Era visto que se trataba de propaganda electoral dirixida aos veciños e veciñas do rural e o tempo confirma que así é, xa que a día de hoxe nada se sabe do plan director”, engadiu a concelleira nacionalista.
“O saneamento do rural é unha necesidade”, afirmou Susana Camba, “non pode ser que máis da metade do rural do noso concello non teña un sistema de saneamento e o que hai funciona mal, feito que denunciamos en reiteradas ocasións, contaminando os nosos ríos”.
“No BNG preocúpanos que practicamente todo o noso rural careza de saneamento”, explica a concelleira nacionalista, “por iso, ante os anuncios que quedan en nada do alcalde, nós decidimos abrir o debate sobre unha cuestión que só se saca cando hai eleccións municipais á vista, presentando unha moción que non só insta ao goberno a facer un plan integral de saneamento para todo o concello, nomeadamente o rural, senón que poñemos enriba da mesa alternativas aos caros, ineficientes e escasos sistemas de depuración implantados até o momento”.
A concelleira do BNG explica que a proposta do BNG pasa por “crear humedais artificiais e filtros verdes ao longo do concello, atendendo ás características propias de cada poboación, resultando nun sistema de saneamento eficaz, descentralizado e integral, e encamiñándose cara a substitución das actuais EDAR por estes sistemas sustentábeis”.
Por outra parte, a organización nacionalista volve a insistir na municipalización EDAR e do mantemento dos bombeos de Lagartóns, Matalobos, Figueiroa e Guimarei. “Isto cústanos ao ano preto de 200.000 euros”, afirma a concelleira do BNG, “con eses cartos tiñamos pagabamos unha brigada de traballadores e traballadoras municipais que fixeran ese mantemento prescindindo da empresa privada que xestiona este servizo”. “Xa sabemos que o PP fuxe deste debate, mais vai ter que dar a cara”, afirmou Susana Camba.
Ademais, “no BNG tamén propoñemos un sistema de recollida de augas negras para evitar o seu verquido ilegal ou a sobrecarga dos sistemas de saneamento”. “En definitiva, propoñemos unha plan integral de reforma do sistema de saneamento de todo o concello, é en especial do rural”. “A Estrada non pode ser un concello do século XXI, nin intelixente, como reza a publicidade do plan EDUSI, se non se acomete xa o saneamento do rural, un tema que só se saca cando hai eleccións municipais”.







































