Susana Camba pide ao alcalde maior dilixencia á hora de mellorar a xestión do punto limpo e ínstao a tomar medidas inmediatas para solucionar o problema da recollida dos voluminosos
A recollida de voluminosos que, en teoría, é un servizo que presta o concello desde hai anos, está suscitando numerosas críticas nas parroquias e lugares.
Segundo explicou a concelleira do BNG, Susana Camba, “veciños e veciñas comunicáronnos que nos últimos meses o concello non pasa a recoller os voluminosos para trasladalos ao punto limpo”. “De feito”, engade, “desde a oficina da alcaldía, que é a onde hai que chamar para prestación deste servizo, recoméndalle aos veciños e veciñas, que leven pola súa conta os voluminosos ao punto limpo, porque desde o goberno municipal non saben cando se vai prestar ese servizo”.
“O curioso”, explica a concelleira nacionalista, “é que na web do concello non figura información algunha de que se deixara de prestar o servizo, ao contrario, no apartado do punto limpo explican o procedemento a seguir polos veciños e veciñas, xerando confusión e frustración”.
“De todos os xeitos”, afirma a concelleira do BNG, “xa temos denunciado en numerosas ocasións o desleixo do goberno do PP co medio ambiente, así como a nefasta xestión do punto limpo, e o da recollida dos voluminosos xa é pinga que desborda o vaso”.







































