Susana Camba: «Entendemos que os protocolos mandan e que cando se detecta un contaxio hai que tomar medidas, mais o goberno municipal ten que buscar unha alternativa para manter aberto servizos sociais»
Os servizos sociais do concello están pechados ao detectar un brote neste departamento municipal e o goberno municipal non toma medidas para mantelo acceso, ben presencialmente, ben con asistencia telefónica.
A concelleira do BNG, Susana Camba, explicou que «entendemos que os protocolos mandan e que cando se detecta un contaxio hai que tomar medidas, en primeiro lugar, illar ás persoas presumibelmente contaxiadas e desinfectar as instalacións, e en segundo lugar contactar persoalmente coas persoas citadas para anular a cita ou cambiarlla para outro día». «Das medidas que podía tomar o goberno municipal ante unha situación de contaxio só se tomou a primeira», afirma a concelleira do BNG, «deixando tirados aos veciños e veciñas que tiñan cita para estes días».
«Efectivamente, diante dunha pandemia como a que estamos vivindo, as traballadoras dos servizos sociais poden contaxiarse como calquera outra traballadora que atende ao público», afirma Susana Camba, «pero é responsabilidade do goberno municipal tomar medidas para manter acceso un servizo clave no actual contexto socio-económico que estamos vivindo, onde moitas persoas precisan axuda; e o que non pode ser é que servizos sociais estea pechado». «En primeiro lugar, o concello pode tirar das listas de substitucións para cubrir esas vacantes laborais», engade, «mais tamén pode implantar o tele-traballo ou a asistencia telefónica para atender ás persoas que o necesiten».
«Mais o peor de todo isto é que os contaxios xa se detectaron na fin de semana», afirma a concelleira do BNG, «estamos a mércores e o goberno non tomou medidas para manter aberto este servizo, optou pola saída doada, pechar todo o departamento sen poñer enriba da mesa unha alternativa».
A concelleira do BNG, Susana Camba, insta ao alcalde a tomar medidas, «porque como mínimo as traballadoras terá que estar 10 días en corentena e non pode ser que servizos sociais estea pechado sine die.»







































