O PSOE da Estrada instará ao goberno municipal a iniciar as
xestións para lograr a cesión do centro médico antigo ao Concello. Luis
López Bueno asegura que López Campos aínda non iniciou xestións oficiais
co SERGAS, que debe renunciar á adscrición do edificio, nin coa Dirección
Xeral de Patrimonio, que é a competente para cedelo.
O voceiro socialista considera que o traballo do alcalde sobre este tema é
“moi escaso” e afirma que “unicamente se fixeron chamadas telefónicas”
para tantear a situación, pero que utilizan as canles equivocadas. Ademais
considera “ridículo” que o alcalde se aferre a ese argumento para non
traballar sobre este asunto.
López Bueno considera que o alcalde pon “escusas de mal pagador” porque
“para gastar 4,5 millóns de euros na alameda si que tiña cartos e ganas”.
Tamén considera que a pouca intención de López Campos se debe á “falta
de ideas” sobre como explotar ese edificio sen considerar as propostas do
PSOE porque “só lle interesa se a idea é súa, que sexa boa para os veciños
tanto lle ten”.
O socialista tamén opina que o alcalde “só reforma rúas xa reformadas” e
“volve a facer o que xa estaba feito”. Critica que “para López Campos só
existe aquilo que está entre a Porta do Sol e a Farola, só hai que o estado
lamentable no que se atopan as zonas da Avenida de Pontevedra e da
Avenida de Santiago” indica López Bueno.
Sobre a cesión do centro de saúde vello, o líder socialista opina que o
primeiro trámite debe darse por parte da Xunta de Galicia, que ten o dereito
de utilizar o edificio para fins sanitarias, “como figura no Inventario Xeral do
Estado e no da propia Xunta”. Mentres o SERGAS manteña a adscrición do
inmoble, o Concello ten as mans atadas, explica.
Así, o primeiro paso para darlle un uso municipal ás instalacións pasa
porque a Xunta renuncie ao seu dereito e o inmoble revirta no patrimonio
do Estado. “Unha vez que se produza esa renuncia, o edificio pasará a ser
un ben patrimonial do Estado porque quedará desafectado do uso
sanitario”.
O procedemento continuaría coa solicitude por parte do Concello para a
cesión do dereito de propiedade do ben, que tería que cursar diante da
Dirección Xeral de Patrimonio xustificando o interese público dos usos que
se pretenderían facer del. A este respecto, as consultas de López Bueno na
Subdelegación do Goberno indican que Patrimonio é “especialmente
sensible” con usos sociais.
Así, toma forza a proposta socialista de crear un Centro Integral de
Atención Social onde se concentren os servizos municipais como o Centro
de Día, Alzheimer, Atención Temperá, Banco de Alimentos e Espazo
Concilia.
Para o líder socialista é importante que o procedemento remate coa cesión
da propiedade ao Concello, e asegura que a Subdelegación do Goberno
prestará o “todo o apoio” para conseguila, pero tamén valora outras
fórmulas que resolvan o problema.
Entre esas fórmulas está a posible adquisición do ben, porque o prezo
anunciado polo alcalde “é unha suposición súa. Dixo 700.000 euros como
podía dicir 300.000 ou 3 millóns. Se non é un invento del, que amose o
informe de valoración”. Ademais, López Bueno tamén considera que o prezo
do inmoble e a reforma sería perfectamente asumible, “todos os anos
perdemos millóns de euros que van a remanentes, e esta é unha das
poucas actuacións que se pode financiar con eles”.
López Bueno tampouco desbota outras opcións como mercar o edificio e que
a Xunta financie a reforma, ou ao revés, e incluso obter a adscrición do
Estado ao Concello para fins sociais. “Calquera destas alternativas é válida”
indica, pero segundo o seu punto de vista o ideal é adquirir a propiedade,
ben sexa por cesión ou por compra”.
Aínda que hai un amplo abano de posibilidades, López Bueno considera que
as declaracións do alcalde son “unha xerra de auga fría” para os veciños e
veciñas da zona e que “con tan pouca vontade por parte do alcalde, vai ser
imposible conseguir nada”.
O PSOE INSTARÁ AO GOBERNO MUNICIPAL A INICIAR AS XESTIÓNS
POLO CENTRO MÉDICO DA AVENIDA DE SANTIAGO
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.






































