O PSOE local advirte de que as obras de desdobre da traída
do Umia tardarán cando menos 8 meses en iniciarse. Luis López Bueno
indica que á vista do estado do procedemento é “imposible” que o goberno
cumpra as promesas de inicio das obras que lles está a facer aos veciños e
veciñas de Tabeirós e Nigoi.
O líder socialista indica que o procedemento de licitación está sen iniciar e
manifesta que será imposible que se inicien as obras antes de final de ano.
De feito, o líder socialista advirte de que o goberno anunciara que este
asunto subiría a pleno en febreiro, cuestión que aínda non se votou ante a
ausencia de informe xurídico.
López Bueno lamenta a actitude do PP respecto deste asunto, e é que leva
dous anos mentíndolle aos veciños e veciñas con anuncios que nunca se
cumpren. De feito, ve inexplicable a fuxida cara adiante na que están
embarcados Juan Constenla, López Campos e outros afíns ao PP, que
continúan prometendo brevidade pero “saben que as obras non comezarán
ata 2022, non é posible dende o punto de vista administrativo”.
Hai que recordar que esta situación de parálise por parte do concello é
especialmente gravosa en lugares como Sandán, onde os preparativos para
o asfaltado das pistas, que financia a Deputación de Pontevedra, deixaron o
asfalto impracticable para o tránsito xa que a idea deses preparativos é que
se proceda a aglomerar o vial inmediatamente.
López Bueno recorda que o propio Juan Constenla, lles prometeu aos
veciños e veciñas que o asfaltado da pista de Sandán se produciría
inmediatamente despois de colocar as canalizacións do propio desdobre, e
advirte de que “ou non haberá canalización, ou non haberá asfaltado”
durante o 2021.
O líder socialista tamén considera que o goberno intenta facer “peripecias”
para dar imaxe de xestión seria sobre este asunto, pero explica que as
follas de solicitude que se lle repartiron aos veciños “carecen de ningunha
validez legal” e unicamente son “follas orientativas” que lle servirán ao
goberno e á empresa construtora para “adaptar un proxecto que xa está
pechado” ás demandas dos veciños.
López Bueno indica que esas follas “funcionan ben para estimar a demanda
real do servizo” pero tamén confirma que “non se rexistran en ningures” e
unicamente se depositan no concello para que se modifique un proxecto que
xa está exposto ao público.
Polo tanto pídelles aos concelleiros do grupo de goberno que deixen de
“confundir” aos veciños e veciñas, xa que “non se trata de solicitudes
formais” nin moito menos, se non que “os trámites da alta no servizo
haberá que facelos cando toque”.
O PSOE ADVIRTE DE QUE AS OBRAS DA TRAÍDA DE NIGOI E TABEIRÓS NON COMEZARÁN ATA 2022
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































