O PSOE ESIXE MELLORAS NA LIMPEZA DO CASCO URBANO E NA CONSERVACIÓN DOS PARQUES INFANTÍS NAS PARROQUIAS

O PSOE local esixiu no pleno de onte melloras na limpeza do
casco urbano da Estrada así nas zonas públicas do rural. O líder socialista
solicitoulle ao goberno local que se comece a preocupar polo estado de
conservación das rúas da vila.
Luis López Bueno referiuse ás declaracións do Concelleiro de urbanismo
sobre as pintadas para destacar o “pasotismo” do goberno local respecto á
imaxe que dá o casco urbano. De feito a vila atópase repleta de beirarrúas
levantadas e sen baldear dende hai meses, pintadas, e unha preocupante
ausencia de hixiene nos espazos de xogos dos xardíns municipais.
O voceiro socialista culpa ao goberno pola súa absoluta falta de interese no
coidado das rúas da vila. López Bueno afirma que as declaracións de
Gonzalo Louzao foron “reveladoras” sobre a postura do goberno a este
respecto. Considera “vergoñento” que se intente colar un argumento
económico para xustificar que non se limpen as pintadas.
De feito o socialista pídelle a Louzao que se moleste máis en elaborar
“escusas cribles” para xustificar a súa falta de traballo e menos explicacións
sobre a ordenanza de ornato: “a ninguén se lle escapa que o concello ten
capacidade de sobra para eliminar as pintadas e reparar as beirarrúas, pero
os veciños e veciñas xa sabemos que a eiva máis grave deste goberno do
PP é precisamente facer as xestións normais de calquera Concello”.
López Bueno valora que existe unha situación de descoido xeral no casco
urbano pero recoñece que é aínda máis grave nas parroquias, onde existen
elementos que “levan anos abandonados” como multitude de fontes que
foran restauradas no mandato de Dono e zonas de xogo que se atopan
invadidas pola maleza sen que o PP actúe.
O líder socialista ve unha absoluta despreocupación do PP e louva a
iniciativa de multitude de veciños e veciñas que asumen esas tarefas “de
forma desinteresada” e “suplindo as obrigas do goberno municipal”. A este
respecto recorda que hai escasos meses a Asociación Ocionautas repuxo os
actos vandálicos na Fonte de Leicures, e que as asociacións de Mulleres se
ocupan do entorno das Escolas Unitarias (como aconteceu hai escasas tres
semanas en San Miguel de Castro, por exemplo).
López Bueno agradece ese traballo pero destaca que “é o goberno o que
debería ocuparse de realizalos” e por iso instou no pleno de onte a “axilizar
a contratación dunha brigada de mantemento” da que actualmente carece o

Concello, e a contratar máis persoal para asumir a carga de traballo do
casco urbano. Insistiu en que estas cuestións se tratan de xestións
ordinarias que debería realizar o Concello e volveu a poñer sobre a mesa a
necesidade dun Plan de Mantemento de Infraestruturas para avaliar as
necesidades reais do servizo e programar moitas das tarefas de
conservación nos espazos públicos da Estrada.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta