IBUPROFENO TEATRO «O MEL NON CADUCA»

Acompáñanme hoxe Santi Cortegoso e Marián Bañobre, membros da compañía Ibuprofeno Teatro para presentar a obra o Mel no caduca que estará este venres no Teatro Principal.

 

Santi e Marián teñen unha relación moi estreita coa nosa vila; xa que ademais de estar empresarialmente radicados aquí, acostuman a colaborar asiduamente coa Escola de Artes Escénicas e a converter o escenario do Teatro Principal no escaparate no que mostran todos os seus traballos artísticos.

 

Despois do éxito de obras como Raclette ou Casa o Rei, a compañía presenta O mel non caduca, un texto escrito e dirixido por Santi e interpretado por Marián Bañobre e Avelino González que a bo seguro fará reflexionar, sorrir e concienciar ao espectador sobre un tema tan importante como o cambio climático.

 

Lémbrolle á veciñanza que a capacidade do Teatro verase reducida preto dun 30% polo que non serán moitas as butacas dispoñibles para o venres. Ademais, creo que xa levamos preto da metade despachadas, polo que animo desde aquí a todos os que queiran gozar dun espectáculo e dun elenco de luxo, a que se pasen polo departamento de Cultura para retirar a súa entrada.

 

Despois dunha fin de semana dedicada á danza contemporánea, cun grande éxito de aceptación e de público, o teatro volve tomar a alternativa, antes de meternos de cheo xa coa programación cultural do Salmón e das Letras Galegas.

Antes de cederlles a palabra aos dous protagonistas quero facer un anuncio.

 

Como ben sabedes, a relación de Santiago Cortegoso coa nosa vila comezou hai 8 anos cando acadou o III Premio de Teatro Varela Buxán. Será precisamente a montaxe deste texto, a cargo de Ibuprofeno Teatro, unha das grandes novas do teatro galego para o ano que vén. Unha estrea que xa podo anunciar que se fará na nosa vila a través da sinatura dun convenio de residencia que acabamos de formalizar coa compañía.

 

Énchenos de orgullo, ao igual que ocorreu esta fin de semana co Festival de Danza, que as compañías e os eventos máis importantes de Galicia volvan a súa ollada cara á nosa vila. É moita e ben vizosa a actividade teatral da que gozamos, así que a sinatura deste acordo de colaboración fala ás claras do compromiso que ten a nosa vila tanto cos creadores locais como cos profesionais galegos. Toda axuda é pouca para reactivar o sector das artes escénicas e das industrias culturais en Galicia.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta