Os concelleiros Juán Constenla acompañado de Oscar Durán presentan na maña de hoxe os actos programados polo Concello para a festividade do Salmón, unha
festividade que, desgraciadamente, este ano non poderemos celebrar
como nos gustaría a todos, pero que tampouco queremos que pase
desapercibida para reactivar, na medida do posible, a actividade da
hostalaría local.
Antes de nada, deixádeme anunciar que todo o relacionado cos actos
puramente gastronómicos non poderá levarse a cabo por razóns
obvias. Como xa sabedes, a situación sanitaria impídenos, polo de
agora, concentrar a grandes cantidades de xente na rúa, polo que nos
vemos na obriga de substituír os festexos habituais por pequenos actos
culturais feitos en recintos perimetrados con controis de acceso,
distanciamento social, público sentado e as medidas hixiénicas que
sinala o protocolo.
No tocante ao apartado gastronómico, o único que se mantén en pé na
presente edición é a típica degustación de tapas de Salmón na que
participarán 20 establecementos da vila. Organizada xunto coa
Asociación de Hostaleiros da Estrada, esta desenvolverase desde o
venres 14 ata o domingo 16. O venres á noitiña, e o sábado e domingo
en horario de mañá e noite. O custo da tapa é de 2,00 €.
No que atingue ao apartado cultural, decidimos apostar por instalar un
recinto perimetrado na praza do Concello para 230 persoas no que
albergaremos unha xeira de eventos, nos que destaca a presenza de
músicos locais. É unha maneira de premiar e motivar a moitas
agrupacións estradenses que levan máis dun ano paradas ou
traballando no seu local de ensaio sen ver premiado o seu esforzo.
Deste xeito, o programa de actos, que servirá para irmandar os actos
do Salmón cos propios das Letras Galegas, contará cos seguintes
eventos:
MARTES 11 (20.30 h)
A actividade cultural comezará o martes próximo coa presentación no
Teatro Principal de dous libros centrados na figura de Manuel García
Barros. O primeiro deles é a reedición dos Contiños da Terra e o
segundo, un libro titulado Manuel García Barros. Vida, obra e
pensamento, que é unha biografía escrita polo propio biógrafo do
autor, Carlos Loureiro. Ao acto asistirá tamén unha representación da
editorial Galaxia, editora destas dúas publicacións. Todo aquel que
queira asistir a este evento, deberá recoller o seu convite no propio
Teatro Principal.
SÁBADO 15 (20.00 h)
Está previsto un concerto exhibición do Obradoiro de Música
Moderna Carlos Barruso no que intervirá o alumnado do Obradoiro
DOMINGO 16 (12.30 h)
Terá lugar o tradicional concerto do Salmón a cargo da Coral
Polifónica Estradense que xuntará a 25 dos seus membros para
ofrecer un concerto con pezas do repertorio tradicional galego
DOMINGO 16 (20.00 h)
Está fixado un concerto a cargo da agrupación vocal DE VACAS, o
grupo galego que triunfa en Internet facendo versións de coñecidos
artistas internacionais.
LUNS 17
Comezaremos ás 12.00 h da mañá co pregón das Letras Galegas na
Alameda Municipal a cargo do escritor Antonio García Teijeiro, ao
que lle porá o broche a actuación posterior da Banda de Gaitas de
Barbude
Ás 19.00 h, na praza do Concello, terá lugar un concerto a cargo da
Banda de Música Municipal da Estrada.
Comentarvos para rematar, que as invitacións para os distintos eventos
poderán recollerse no departamento de Cultura do Concello a partir
deste próximo luns día 10.







































