Acto das letras galegas [Xela Arias: “Ámame coa lingua. Fálama”]

A AC Vagalumes celebrará un ano máis o Día das Letras Galegas, cun acto que terá lugar o próximo venres, 14 de maio ás 20:00 na praza da Música,  cumprindo os protocolos exixidos pola actual situación sanitaria.

A nosa lingua encóntrase nunha situación  de emerxencia, corroborada nos últimos días polo estudo sociolingüístico realizado pola RAG, onde se demostra a súa situación de marxinalidade entre a mocidade, tanto no que respecta á competencia como ao uso. Mais, malia os datos negativos, o goberno galego di sentirse satisfeito  e anuncia que continuará practicando a mesma política lingüística.  Por iso nós, desde a AC Vagalumes, perante as políticas de desprezo e exclusión levadas a cabo pola Xunta de Galiza,  entendemos que segue a ser máis necesario que nunca conmemorarmos o Día das Letras Galegas e celebrarmos o orgullo da nosa literatura e da nosa lingua.

Este ano, a persoa dedicataria do Día das Letras é a poeta, narrradora e tradutora Xela Arias, que escribiu a súa obra desde un fondo compromiso con Galiza e co galego. Cómpre afondar no coñecemento e no estudo da súa obra, pois  ofrece moitas das claves para comprender a historia da creación literaria e da evolución social do noso país.

No acto organizado pola AC Vagalumes contaremos coas seguintes  intervencións: «Linguaxela»,  do  mestre e  escritor David Otero; «Dereito a vivirmos en galego» do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira;  actuación musical de Jásper,  Manu García e Patti Castro; e recital poético sobre a obra de Xela Arias, no que convidamos a participar a todas as persoas que o desexen. 

O acto será retransmitido en directo en streaming  a través da páxina www.tabeirosmontes.com e a través de youtube e facebook de tabeirosmontes. Agardamos que sexa proveitoso para reflexionarmos sobre a situación actual do galego e para non esquecermos que cada un de nós pode colaborar na construción dun  futuro digno para a nosa cultura e a nosa lingua. Así  o escribiu  Xela Arias:  «Ámame coa lingua. Fálama»

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta