A XUNTA MODERNIZA O CEIP DO FOXO COA RENOVACIÓN DA CUBERTA E A CONVERSIÓN DA ANTIGA CASA DO CONSERXE EN AULAS PARA INCREMENTAR O ESPAZO EDUCATIVO

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar coas obras de modernización e mellora do CEIP do Foxo, no Concello da Estrada, consistentes na renovación da cuberta e a conversión da antiga casa do conserxe en aulas para gañar espazo educativo grazas a un investimento de case 210.000 euros.

 

Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, acompañado polo alcalde da Estrada, José López, e polo xefe territorial de Educación, César Pérez, realizou unha visita de supervisión a esta dobre actuación.

 

“Estamos a responder axilmente ás necesidades dos centros educativos da provincia para, por unha banda, substituír os seus elementos deteriorados pola antigüidade e, por outro lado, convertelos en espazos multifuncionais, versátiles, ventilados e seguros dende o punto de vista sanitario aplicando os criterios do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, co que investiremos 191 millóns de euros nesta lexislatura”, explicou o representante autonómico, que lembrou que hai un mes anunciouse, ao abeiro do mesmo, a inminente rehabilitación integral do CEIP de Figueroa, tamén na Estrada, por case 900.000 euros.

 

En canto á actuación realizada no colexio do Foxo, consistiu no cambio de toda a cuberta, que xa cumprira a súa vida útil con 43 anos de antigüidade e que estaba elaborada en tella e chapa. As obras permitiron retirar todos estes materiais e instalar un panel nervado de dobre chapa lacado en vermello con dotación de illamento recheo a base de escuma de poliuretano. Ademais, favoreceuse a homoxeneización do teito cun único material común a todos os volumes da edificación.

 

Deste xeito, e tamén grazas ao recambio de canalóns e baixantes, garántese a conservación óptima e a protección do resto da edificación educativa, conformada por un inmoble rectangular de dúas prantas, e increméntase a confortabilidade e as condicións térmicas internas para a comunidade escolar.

 

Por outra banda, esta obra de modernización do CEIP do Foxo complementouse coa rehabilitación completa da antiga vivenda do conserxe e a conversión de toda a súa superficie en aulas para uso lectivo co obxectivo de gañar espazo educativo e favorecer a dispersión do alumnado no marco das medidas de adaptación ao protocolo de prevención da covid-19.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta