LÓPEZ BUENO “PREOCUPADO” POLA IMAXE QUE DARÁ A ESTRADA DURANTE O SAN PAIO

O PSOE da Estrada dise “preocupado” pola imaxe que ofrecerá a vila durante a celebración das festas do San Paio. Para Luis López Bueno o estado de conservación das rúas do casco urbano é “moi mellorable”. O socialista considera que a presenza de rúas cortadas con vallas por todas partes, pasos de peóns e zonas de aparcamento despintadas e beirarrúas destrozadas e sen baldear “non nos van a facer ningún favor”.

 

López Bueno apunta como responsable ao goberno do PP, que “leva dous anos sen facer absolutamente nada” no casco urbano. “O único que se fixo foi instalar un baño de 70.000 euros”, critica. Ademais, considera que o PP é o responsable de contar con escasísimo persoal para facer o mantemento dos elementos do casco urbano.

 

O voceiro pon exemplos concretos para revelar o “pasotismo” do PP, que non atende ningunha das peticións que se lle fan chegar, “nin as que fan os veciños directamente nin as que facemos dende a oposición”, explica.

 

Por exemplo, o famosísimo episodio do Banco na Avenida de Santiago “que xa saíu incluso en The Guardian”, deixa moi claro cal é a actitude do PP cos veciños: “non nos fan nin caso”. Coma esa petición hai moitas outras que se lle fixeron chegar á alcaldía: reposición da beirarrúa na entrada do Froiz, prazas para persoas con mobilidade reducida en rúas moi concretas, arranxo do firme en diversas rúas… pero ningunha foi atendida aínda.

 

López Bueno valora que “todas estas peticións poden resolverse con facilidade” pero indica que é unha cuestión de actitude: “hai que querer”. Explica que son cuestións que non teñen unha especial carga administrativa e que se poden planificar antes para ter unha solución rápida a eses “pequenos problemas”.

 

Aparcamentos disuasorios

 

López Bueno tamén instou ao goberno do PP a que “mellore o firme dos aparcamentos disuasorios” antes de que comecen as celebracións do San Paio.

 

Considera “prioritario” mellorar o firme no aparcamento de Correos e nas conexións entre os espazos de aparcamento da Avenida de América. Explica que “se se traslada a feira para o aparcamento, os únicos accesos que quedarán dispoñibles os mércores serán Correos, Avenida de América (xunto a Carrusel Deportivo) e Rúa Forcarei”, que están moi deteriorados e precisan unha mellora urxente.

 

López Bueno entende que o Concello ten maquinaria propia para asumir esas tarefas e que non se incumprirían os acordos cos propietarios, simplemente se eliminarían os baches nos accesos e as conexións entre os distintos aparcamentos.

 

O socialista tamén ve “necesario” activar canto antes o proxecto de aparcamento disuasorio na rúa 25 de xullo. Recorda que “nós pedimos que se iniciara antes que a reforma da Praza da Feira para que as obras non eliminaran aparcamento na zona” pero que “lamentablemente non se atendeu a proposta”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta