LÓPEZ BUENO ESIXIRÁ ACCIÓNS INMEDIATAS ANTE O PÉSIMO FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE RECOLLIDA DE LIXO

O PSOE esixirá no vindeiro pleno accións inmediatas para
resolver os numerosos problemas que ten o servizo de recollida de residuos.
Luis López Bueno considera que a situación xa é “insostible”, e apunta a que
o servizo non está sendo capaz de chegar a todas as parroquias en
condicións.
Bueno apunta a que “as necesidades do servizo son moito maiores que as
que o Concello está cubrindo” e acusa ao PP de non mover nin un dedo para
resolver a situación. Apunta tamén a que lle constan numerosas queixas
dos veciños e veciñas das 51 parroquias “que pagan os seus impostos para
recibir servizos de calidade”.
López Bueno considera que o problema é especialmente grave nas
parroquias porque “as frecuencias sempre quedan curtas, pero nos meses
de verán xéranse aínda máis residuos”. Ademais valora como
“impresentable” que o lixo quede nos contedores durante semanas durante
o verán “porque todos sabemos que é insalubre e moi desagradable”.
Tamén fai fincapé na necesidade de ampliar a rede de colectores de
reciclaxe nas parroquias. López Bueno considera que é un asunto
“inaprazable” e “prioritario” que o PP non é capaz de atender. Da mesma
maneira, tamén considera “urxentísimo” que A Estrada acceda ao Plan
Revitaliza da Deputación de Pontevedra para instalar composteiros comúns
e planificar a chegada dos contedores de orgánicos.
O líder socialista apunta tamén a que é necesario mellorar o servizo de
recollida de plásticos no casco urbano, cuxa frecuencia de recollida é
claramente insuficiente e provoca que as bolsas de lixo se acumulen nas
beirarrúas. Indica que a única solución é aclarar as responsabilidades “se as
hai” ou mellorar o acordo entre a empresa de recollida e o Concello.
Ademais desas cuestións, López Bueno pregúntase “que estará facendo o
goberno local coa anunciada privatización do servizo”. O socialista non ve
normal que o PP fora incapaz de avanzar nada nos dous anos que pasaron
dende o seu propio anuncio. Tampouco ve razoable que o PP non teña
previsto reforzar o servizo de limpeza con máis persoal ante o mal estado
xeral do casco urbano e das parroquias.
Baños intelixentes “impracticables”

López Bueno tamén apuntou moitos outros problemas que se están
producindo na vila sen que o PP sexa capaz de resolvelos. Ratas no parque
infantil de Figueroa, ou o exemplo do mal estado de hixiene do “baño
intelixente de 70.000 euros”. O socialista critica que “leva sen limparse
dende hai case dúas semanas” e indicou que “durante o Mercado de Verán,
un evento que se celebrou no entorno do Concello, nin sequera houbo
preocupuación por acondicionalo antes de comezar”.
O socialista non exculpa comportamentos “pouco cívicos” pero ve
“indecente” que o PP culpe aos traballadores municipais do mal estado das
instalacións. Ademais, o propio PP estaba advertido da situación dende hai
meses.
Considera que culpar ao persoal é unha “excusa de mal pagador” de López
Campos e insta ao alcalde a que contrate máis persoal se é necesario ou
acorde cunha empresa local o mantemento do baño, pero que resolva o
problema.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta