O PSOE amosa a súa preocupación polo impacto que
están a ter os movementos de terra nas obras de urbanización da Avenida
de Pontevedra. Luis López Bueno denuncia que se están a producir
alteracións “moi graves” do entorno como consecuencia das obras, e que os
problemas que se están causando “non están resolvéndose”.
López Bueno apunta á aparición de grandes buratos na beirarrúa oposta á
urbanización, que coinciden cos tubos de desaugue instalados recentemente
por baixo da N-640. Afirma que estes afundimentos levan semanas
producíndose e que as choivas non están axudando a que cese este
fenómeno, sen que o Concello ou a empresa que está executando os
traballos “aínda non fixeran nada para remediar eses problemas”.
Considera que a utilización de “topos” para instalar os tubos foi unha boa
decisión e indica que estes afundimentos son “relativamente normais”
cando se instalan canalizacións con esa técnica. O que non é admisible é
que non se teña asegurado a zona semanas despois da aparición dos
socavóns, que incluso poñen en perigo a integridade da beirarrúa.
Ademais de resolver os afundimentos, López Bueno considera prioritaria a
conexión desas canalizacións de auga cara a rede de pluviais. Apunta a que
agora mesmo “os tubos instalados desembocan directamente no monte, e
deixan libres as augas que recollen”.
O voceiro socialista tamén denuncia que as obras produciron a seca do
Regueiro que pasa pola zona. López Bueno asegura que “xamais levou tan
pouca auga coma neste último mes” e máis tendo en conta que se
produciron choivas periódicas que nutriron o regato.
López Bueno ve “absolutamente prioritario” retirar os sedimentos que
obstaculizan o curso da auga polo seu camiño natural, e esíxelle ao Goberno
municipal que tome cartas no asunto porque “hai que resolver o problema,
e se non Augas de Galicia debería sancionar”.
Estes novos efectos colaterais súmanse ás inundacións denunciadas polos
veciños e veciñas da Avenida de Marín. López Bueno pídelle ao Goberno que
“traballe” para que as obras avancen causando menos molestias das que se
están producindo.
Unha escaleira impracticable
No entorno da Avenida de Pontevedra vén de instalarse unha escaleira que
pretende dar servizo a unha das rutas planeadas polo Concello no entorno
da Zona Deportiva.
López Bueno opina que a escaleira instalada “non é funcional” porque
“ademais de ser moi empinada e ter máis de 20 chanzos, vai precisar moito
mantemento para que non se produzan esvaróns”.
A súa situación á sombra durante a maior parte da mañá e da tarde
favorece a aparición de musgos na terra que irá quedando depositada nos
chanzos. O socialista valora que a escaleira “foi instalada ás presas e sen
valorar alternativas máis razoables” como sería “unha escaleira en dous
tramos, paralela á N-640 con unha zona de descanso no medio”.
López Bueno considera que a escaleira “non é apta para todos os usuarios
das rutas” e cre que “de non modificarse, calquera día haberá unha
desgraza”.
Ademais, o socialista tamén pide “encarecidamente” tarefas de limpeza no
entorno da ruta e da Avenida de Pontevedra. Os veciños e veciñas que
pasan habitualmente por alí xa saben canto lixo se acumula, e no curso da
ruta circular “hai un auténtico vertedoiro incontrolado” que se debe limpar
“inmediatamente”.






































