Antes de nada, agradecervos a todos a vosa presenza aquí. Como vedes, acompáñanme Alonso e Gabriel; aos que tamén lle quero agradecer a súa presenza neste acto de presentación.
Hai apenas 15 días que presentabamos no escenario do Teatro o programa do festival de rock O son dos arrieiros, que terá lugar na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada o venres e sábado final de outubro.
A programación que hoxe presentamos vén a complementar este programa de interior cunha xeira de actividades de rúa e concertos que terán lugar na carballeira da Feira, en sesión vermú. Será o sábado día 30 de outubro, entre as 12.00 e as 17.00 h.
O propósito destas actividades é que a veciñanza e os hosteleiros da vila poidan poidan verse favorecidos tamén, de forma directa, polo impacto que supón a organización na Estrada deste festival. Son moitas as habitación da vila e arredores que están reservadas para esa fin de semana última de outubro, centos de visitantes os que terán a escusa perfecta para quedar na vila e gozar desta xeira de actividades que temos deseñado.
No festival danse cita actuacións musicais, mostras de arte urbana e animación de rúa. Falamos de artistas que teñen da man de Plan Siberia e o Colectivo da Estación representación estradense.
As actuacións, que terán lugar nun recinto na carballeira da Feira perimetrada para 300 persoas, serán todas gratuítas. Esta é arelación de eventos:
12.00 h Desfile da Agrupación de animación de rúa TROULA polas rúas da vila, escenificando a chegada dos arrieiros, carretando o viño desde terras do Ribeiro. O desfile rematará cunha pequena intervención na praza da Feira ás 12.45h
13.00 h A esta hora comezará a actuación do grupo Los Rastreadores, grupo onde toca Ortiga, o artista compostelán que arrasa nos festivais de todo o país coa súa verbena moderna.
16.30 h Á hora da sobremesa, collerá o relevo Gabriel, de Plan Siberia que nos presentará en acústico os temas do seu último disco.
17.00 h Pechará este Camiño dos arrieiros a banda Igloo, un grupo galego presente nos festivais máis potentes de toda España.
13.00 h-17.00 h O colectivo da Estación tamén contará cunha importante presenza neste festival. Traerá a Asten, un dos grandes artistas urbanos de Galicia, para pintar, en tempo real, un grafitti de temática xacobea. Ademais, botarán unha man na realización do festival, coma entidade colaborada que son.
E ata aquí podo contar. Haberá máis sorpresas que presentaremos nos próximos días. Agardemos que acompañe o tempo e poidamos converter a nosa vila no epicentro musical de toda Galicia. A Estrada súmase con este festival dos Arrieiros aos grandes festivais de Galicia, penso que era o último paso que nos quedaba para poñerlle o broche á nosa oferta cultural. Unha oferta de referencia en toda Galicia.
Déixovos xa na compaña xa de Gabriel e Alonso para que vos expliquen máis polo miúdo cal vai ser a súa participación no Festival.
Despois da súa intervención, poderedes falar tamén cos organizadores do Son dos Arrieiros, Patricia e Fernando. Por se queredes consultarlle calquera cousa sobre a marcha do festival O son dos Arrieiros.







































