Os Premios san Martiño de Normalización Lingüística, que entrega o Concello da Estrada, a aquelas persoas ou colectivos significados na promoción da lingua galega, entregaranse, mañá xoves, no Teatro Principal, nun acto que comezará ás 20.30 h.
No apartado A Estrada-Comarca de Tabeirós-Terra, o premio entregaráselle a José Manuel Bértolo Ballesteros, catedrático de grego e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. O premio Galicia enteira recollerao o colectivo poético Rompente, representado por Alberto Avendaño, Manolo Román e Antón Reixa. Pola súa banda, o premio Toda unha vida irá parar a mans do programa radiofónico Sempre en Galicia, o programa en lingua galega máis lonxevo, creado en Montevideo (Uruguai) no ano 1950 por emigrantes galegos.
O broche de ouro a este acto de entrega, poñerao a artista Guadi Galego, interpretando algúns dos temas máis coñecidos do seu repertorio. A entrada ao acto será de balde até completar as localidades dispoñibles na sala.







































