XURXO SOUTO
Cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego. É licenciado en Filoloxía Clásica, pero a súa actividade máis coñecida foi a de líder e vocalista de Os Diplomáticos de Monte-Alto, entre 1990 e 2001.
Desde 1986 comezou a traballar en diversos programas de radio en galego (coma A tropa da tralla), colaborou con varias publicacións (coma a revista Bravú) e foi subdirector de programas da Radio Galega, onde tamén dirixía Aberto por reformas, un espazo caracterizado por emitir exclusivamente música en galego.
MÚSICA REPRESALIADA, MEMORIA
O obradoiro serve para tomar conciencia de como o imaxinario que impuxo a Ditadura franquista segue a funcionar e a definir en parte o presente. Búscase descubrir o esplendor musical que lle roubaron á sociedade facendo un percorrido polos proxectos musicais destruídos tras o golpe de Estado de 1936 e reivindicar a dignidade das e dos artistas que sufriron a represión (algunhas e algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie, un traballo sobre o que ata o de agora non existe investigación e no que se pretende abrir camiño.
Partirase de diferentes testemuñas orais e dalgunha referencia literaria coa pretensión de que esas achegas sirvan
de estímulo para que as persoas que participen no obradoiro conten as historias das e dos artistas do seu contorno.







































