O PSOE REXISTRA UNHA MOCIÓN PARA QUE A ESTRADA CONTE CUN PUNTO DE ENCONTRO FAMILIAR NO ANO 2022

O PSOE local rexistrou na tarde de onte unha moción
para solicitarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Punto de
Encontro Familiar no Concello da Estrada. O voceiro socialista, Luis López
Bueno, entende que é un servizo “absolutamente necesario” e que “non ten
ningún sentido que pais e nais estradenses deban desprazarse a Pontevedra
para este servizo”.
O líder socialista entende que A Estrada é un Concello cabeceira de comarca
onde a carteira de servizos sociais dos que gozan os veciños e veciñas moi
escasa. Tamén valora que o grupo de goberno xa demostrou a súa pouca
preocupación por mellorar a cobertura dos escasos programas existentes e por
procurar novos servizos. É máis, A Estrada ten cifras de gasto en Servizos
Sociais moi por baixo da media autonómica, (160,53 € por veciño en Galicia,
136 na Estrada).
O voceiro tamén remarcou que A Estrada xa vai tarde nesta reclamación á
Xunta de Galicia. “Non ten ningunha boa explicación que este servizo
unicamente estea operativo nas sete cidades galegas”, indicou. Ademais
explicou que se a Xunta realmente quere combater o despoboamento dos
Concellos do interior, debe promover servizos públicos de calidade neles. Nese
sentido, xustificou a radicación do Punto de Encontro na Estrada para atender
a demanda existente na Estrada pero tamén nos concellos limítrofes “que
teñen ao noso concello como referencia”.
Tamén instou ao goberno a “traballar” para subir canto antes esta proposta ao
Pleno. “Veremos se o PP ten ganas de traballar ou tardará meses en subir o
asunto ao pleno, como adoite facer”. López Bueno considera que “unha
proposta coma esta debería ser atendida” e advertiu ao PP de que “votar en
contra non é unha opción”.
López Bueno destacou que as únicas iniciativas en servizos sociais postas en
marcha durante este mandato proveñen de propostas do Grupo Municipal
Socialista. Os mellores exemplos son a gratuidade para segundos fillos e
sucesivos na Escola Infantil Municipal e a implantación dun Centro de Atención
Temperá, dúas cuestións que o PP tan sequera detectara. O socialista
considera que é unha cuestión gravísima, xa que a área de Benestar Social
conta cunha Concelleira que percibe nin máis nin menos que 30.000 euros ao
ano para detectar e dirixir este tipo de iniciativas, e apunta que incluso se
perderon milleiros de euros de financiamento para estes servizos en
expedientes que levou “persoalmente” Amalia Goldar.

A pesar da nefasta xestión do PP o certo é que os veciños e veciñas da
Estrada merecen contar cunha oferta de servizos sociais promovidos polo
Concello moito máis ampla ca a actual. Ademais, a despreocupación e a
incapacidade demostradas polo PP nesta área de goberno provocan que a
maioría destes servizos estean prestándose en instalacións pouco axeitadas ás
necesidades, como é o edificio do Novo Mercado ou o piso cedido ao Concello
na Rúa Benito Vigo.
A falta de espazos para a instalación de novos servizos é un problema a
resolver, onde o Grupo Municipal Socialista volveu atinar coa resposta. Cómpre
restaurar o vello centro de saúde e habilitalo como un Centro Integral de
Atención Social, onde se centralicen nunhas instalacións axeitadas os poucos
programas que ofrece o Concello, e outros que se poderían engadir no futuro.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta