É lamentábel que o alcalde non teña claro a estas alturas que pode facer co vello ambulatorio

O BNG ten claro que aposta por un centro de día neste inmoble e traballará para que o Ministerio de Traballo o ceda á Xunta para poñer en marcha este servizo
Di o alcalde que descarta comprar o edificio do vello centro de saúde, porque non sabe que facer con el e “non ten sentido comprar propiedades e asumir o seu mantemento sen ter un proxecto concreto para elas”. Nisto último ten razón, é absurdo comprar por comprar, mais é lamentábel que a estas alturas o goberno municipal do PP non teña nin idea de que pode facer neste céntrico edifico dependente do Ministerio de Traballo.

No BNG xa puxemos enriba da mesa en 2017 a posibilidade que se poida poñer en marcha un centro de día, que amplíe en servizos e tamaño o xa existente na Praza de Abastos. Non veríamos mal que o alcalde copiara a idea do BNG, todo o contrario, mais o goberno municipal, carente sempre de ideas  e proxecto para o noso concello, agarda ao de sempre, que chegue pola porta unha empresa privada cunha idea debaixo do brazo, como aconteceu coa Alameda.

Cuestión de prioridades

O alcalde descarta comprar con fondos do concello o vello ambulatorio. Porén dos máis de 3.300.000 euros que custou a Alameda, 1.794.635 euros saíron dos fondos propios do concello. É cuestión de prioridades. Para unhas cousas si hai cartos, pero para que A Estrada teña un centro de día amplo e con servizos parece que non hai.

De todos os xeitos, o BNG, que si ten claro que quere facer co vello centro de saúde, traballaremos para que o Ministerio de Traballo ceda á Xunta o edificio para que a administración autonómica poña en marcha o centro de día que demandamos.

Neste sentido, cómpre recordar que o pasado mes de setembro o Parlamento Galego aprobou a iniciativa do BNG que reclama que a Xunta solicite do goberno español a cesión das instalacións do antigo centro de saúde da Estrada, coa finalidade de proceder á posta en marcha neste edificio dun centro de día. Para o BNG non é unha opción deixar deteriorar o edificio até que se converta nunha ruína cando hai unha necesidade dos veciños e veciñas e que pode atenderse perfectamente nestas instalacións.

Cómpre lembrar que A Estrada sobe dos 20.000 habitantes, dos que máis de 5.600 superan os 65 anos, un 28% do total, segundo datos do IGE de xullo de 2020. A pesar desta realidade, no concello só hai un pequeno centro de día na praza de Abastos, que ten capacidade para 20 persoas, un número de prazas insuficientes para prestar un servizo que vai en aumento polo avellentamento da poboación.

Ademais, a conversión deste edificio en centro de día permitirá tamén dinamizar dende o punto de vista comercial e hostaleiro a zona que o rodea, moi afectada polo traslado do centro de saúde.
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta