LÓPEZ BUENO ACUSA AO PP DE DEIXAR PASAR 120.000 EUROS
PARA MELLORAS NO POLÍGONO INDUSTRIAL DE TOEDO

 

Luis López Bueno acusa ao PP da Estrada de ter abandonada a
política industrial no Concello. Esta acusación vén a fío do peche das axudas
que a Xunta de Galicia convoca para a mellora de servizos nos polígonos
industriais. No caso da Estrada o financiamento chegaría ata os 120.000
euros, pero lamentablemente “nin sequera se solicitaron”, afirmou.
O voceiro indicou que “deixando pasar financiamento é complicado que
mellore a situación industrial e demográfica do Concello” e advirte ao PP de
que a súa política industrial lévanos “sen remedio” cara o precipicio dos
20.000 habitantes e así deixar de ser “o Concello máis importante do norte
de Pontevedra, como fomos sempre”.
López Bueno valorou que “as axudas permitirían melloras na infraestrutura
viaria, instalación de circuítos de vixilancia, protección contra incendios,
centralizar o subministro de gas e hidróxeno e incluso instalar unha planta
de depuración de augas”. O socialista ve “máis que interesantes” algúns dos
proxectos que se poderían ter acometido porque permitirían dar facilidades
para que as empresas estiveran dispostas a asentar e xerar emprego na
Estrada.
Considera “pouco afortunado” que a ningún concelleiro do PP se lle ocorrera
solicitar a subvención xa que “está á vista de todos o mal estado do
polígono” e ademais asegura que “o PP ten constancia das deficiencias en
servizos básicos para calquera actividade que pretenda instalarse alí”.
Ademais diso, ve un drama na cantidade de empresas impulsadas por
veciños e veciñas da Estrada que se ven obrigadas a iniciar a súa actividade
fóra da Estrada. Asegura que os polígonos industriais de Lalín e Silleda
están “repletos de empresas que deberían estar na Estrada, e que
desgraciadamente non poden”.
Nese sentido tamén ve “inexplicable” que o orzamento do Concello para
este 2022 non contemple ningunha partida destinada á mellora de servizos
no Polígono Industrial de Toedo, e que o PP “continúe esperando pola Xunta
de Galicia, que fai inversión en Lalín e non na Estrada”.
Desenvolver o Polígono de Toedo
López Bueno reclama do PP que “cambie de socios dunha vez” e que busque
acordos con Zona Franca de Vigo e con Suelo Empresarial del Atlántico.
Asegura que “as comparacións son odiosas” e que mentres a Xunta invertiu
1,5 millóns de euros en solo público industrial en Pontevedra, a Zona Franca
de Vigo investiu 59 millóns de euros. O socialista afirma que “eu teño claro
como e con quen desenvolver solo industrial” e acusa ao alcalde de ser
“dócil” coa Xunta mentres dirixe á Estrada cara “o máis absoluto dos
desastres”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta