O cómico e presentador Roberto Vilar abre o
venres 18 o ciclo Parladoiros no Teatro Principal

• As entradas para estes eventos son de balde, pero é preciso recoller as
invitacións previamente no Departamento de Cultura
• Os politólogos e profesores universitarios Miguel Anxo Bastos e Antón
Losada, a cantante e compositora Guadi Galego e o cómico e actor Xosé A.
Touriñán completarán o ciclo na programación cultural do primeiro semestre

O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, e
a xornalista Marga Pazos ofreceron esta mañá unha rolda de prensa para presentar o
novidoso ciclo Parladoiros, que traerá nos vindeiros meses ao escenario do Teatro
Principal a persoeiros como o cómico e presentador de televisión Roberto Vilar, os
politólogos e profesores universitarios Miguel Anxo Bastos e Antón Losada, a cantante e
compositora Guadi Galego e o cómico e actor Xosé A. Touriñán.
Juan Constenla explicou que “este ciclo Parladoiros forma parte da programación cultural
deseñada especialmente para conmemorar a celebración do 75º aniversario do Teatro
Principal” e sinalou que as entradas son de balde, pero é preciso retirar previamente as
invitacións no Departamento de Cultura.
En canto á programación, Constenla indicou que o primeiro dos Parladoiros terá lugar o
venres 18 de marzo a partires das 21.00 horas e terá como protagonista a Roberto Vilar,
“un dos rostros máis populares e coñecidos da Televisión de Galicia”. Con posterioridade,
o mércores 30 de marzo chegará o Parladoiro con Miguel Anxo Bastos e Antón Losada
para analizar a actualidade rexional, nacional e internacional. En abril, o día 21 a
protagonista será a cantante Guadi Galego e en maio, o día 5, o actor e cómico Xosé A.
Touriñán.
Pola súa parte, a xornalista Marga Pazos, que actuará como presentadora e coordinadora
dos Parladoiros, manifestou que “como a propia palabra indica, serán actos de conversa e
espazos de conversa”. “Queremos que sexa un formato novo, incluso para nós difícil de
etiquetar, porque vai haber monólogos, humor, debate, música en vivo, vídeos, xogos,
preguntas, interacción co público, moito diálogo e pode que ata certa dose de
improvisación”, engadiu.
“A pretensión é que cada evento sexa diferente. Desde wecom, como promotores desta
proposta xunto co Concello da Estrada, tentamos deseñar un programa distinto para cada
unha das datas, porque cremos que non ten sentido replicar a mesma fórmula se os
convidados son tan variados como os que van vir. Queremos que cada vez que os
estradenses e as estradenses veñan a un Parladoiro teñan a sensación de estar vivindo
algo novo, algo diferente”, subliñou Marga Pazos.
“Ademais dun formato distinto, é evidente que o gran aliciente dos Parladoiros son os
propios convidados, que virán á Estrada a, en certa medida, espirse diante do público como
nunca o fixeron”, apuntou a presentadora, quen lles agradeceu “a súa disposición
inmediata a vir á Estrada en canto se lles propuso”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta