Luis López Bueno ve “pouco ambiciosa” a reforma do IVTM e do
imposto de Plusvalías que levará adiante o PP. O socialista considera que
son reformas “necesarias” pero que perden a oportunidade de repartir
mellor a carga fiscal.
Respecto da reforma do IVTM para incluír bonificacións aos vehículos máis
respectuosos co medio ambiente, o socialista advirte de que “A Estrada
chega tarde”. Indica que outros Concellos xa incorporaron estas
bonificacións no ano 2020 e foron de aplicación durante 2021, mentres que
na Estrada “aínda se aplicarán en 2023”.
Ademais ve na bonificación “unha medida cosmética” xa que suporá só
6.000 euros que o Concello deixa de ingresar. Non hai un esforzo
económico real, cando menos neste momento.
Ante o imposto de vehículos máis caro do Deza-Tabeirós, López Bueno bota
en falta unha organización diferente do coeficiente de incremento nas cotas
tributarias (marcadas por lei). A Estrada incrementa o mínimo legal nun
26% para todo tipo de vehículos, independentemente do seu tipo e cabalos
fiscais.
Para o líder socialista isto é “inxusto” porque lle supón o mesmo coeficiente
de incremento a un coche de 14 cabalos fiscais, (que calquera veciño ou
veciña usa a diario para facer vida), e a un vehículo deportivo que supera
amplamente os 20 cabalos fiscais. Indica que sería “moito máis razoable”
rebaixar o multiplicador para os vehículos xerais e aumentalo para os
vehiculos de grande cilindrada, como fan outros concellos como Vilagarcía
de Arousa, Ribeira e Lalín.
Ademais tamén considera que sería posible moderar ese 26% para
vehículos de transporte. López Bueno considera que “son ferramentas de
traballo” e como tal “deberían estar menos gravadas”. Tamén considera que
sería “unha medida de apoio ao sector do transporte e a todo o tecido
económico local”.
No Imposto de Plusvalías, López Bueno indica que “a Lei cambiou a forma
de cálculo do imposto e polo tanto hai que adaptalo na normativa
municipal”. Aínda así, o voceiro ve “mellorable” o mecanismo de
bonificacións proposto polo PP. “Non ten moito sentido que se desconte o
mesmo a un herdeiro que reciba 15 vivendas que a outro que recibe 2”
afirmou. López Bueno propón adecuar a bonificación a tramos polo valor da
herdanza recibida, como acontece no imposto de sucesións galego.
Fóra destas cuestións, López Bueno criticou a postura “demagóxica” do PP
respecto á política fiscal. Considera “pouco serio” que o PP pida a
eliminación de impostos no Estado pero que non actúen como predican nas
institucións que gobernan. Puxo como exemplo o imposto de Plusvalías, que
é potestativo para os Concellos. Advertiu de que o PP da Estrada se contradí
seguindo as “posturas populistas” do seu partido nos debates do Pleno e
despois non eliminen ou moderen os impostos potestativos do Concello
(ICIO e Plusvalías).
LÓPEZ BUENO VE POUCO AMBICIOSA AS REFORMAS NO IMPOSTO
DE VEHÍCULOS E DAS PLUSVALÍAS
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































