o O alcalde, José López, destaca que “A Estrada está a ser un exemplo de xestión
para outros municipios”, xa que entre os proxectos finalizados, os activados e os
que xa están definidos o Concello adicará o 90% destas axudas da Unión Europea
o As vindeiras actuacións consistirán na sinalización do Camiño da Geira e dos
Arrieiros e o Miñoto-Ribeiro, a creación de pistas cubertas de tenis e pádel e a
construción dun centro de apoio ao sector primario en Aguións
A última reunión da comisión de seguimento dos fondos
europeos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) serviu para poñer
de manifesto que o Concello da Estrada xa leva investidos 6 de cada 10 euros dos 6,2
millóns concedidos no seu día, concretamente o 64% dos fondos sumando os proxectos
que xa están activados e en marcha aos xa executados.
O alcalde da Estrada, José López, considera este balance “moi positivo” e destaca que “A
Estrada está a ser exemplo de xestión dos fondos comunitarios para outros municipios”
debido ao “elevado” grao de investimento, “grazas á implicación en cada proxecto do
equipo encargado da súa execución”. O rexedor local considera que estas magnitudes fan
que o Concello da Estrada “poida estar nunha posición vantaxosa para poder beneficiarse
de futuras subvencións europeas”.
En total, os proxectos xa finalizados suman 3.321.198 euros e entre eles atópanse a
humanización e mellora da contorna da alameda, o concurso de ideas para a
humanización da Praza da Feira, a instalación dun aseo intelixente na alameda, a
renovación do alumeado público con luminarias LED máis eficientes e a implantación de
aplicacións informáticas no Concello.
A estas actuacións xa rematadas hai que engadirlle outros proxectos xa activados e en
diferentes fases de execución, como a implantación do sistema “Smart Parking”, que está
pendente de adxudicación e que consiste na instalación de paneis informativos dixitais
co obxectivo de ofrecer datos en tempo real sobre as prazas de aparcamento libres nas
zonas habilitadas polo Concello; as obras de humanización da Praza da Feira e a mellora
da accesibilidade da súa contorna; e as obras de peonalización da rúa Ulla.
Ademais, José López precisou que a meirande parte dos fondos dispoñibles adicaranse
“a proxectos xa definidos para os que aínda non se iniciou o procedemento de
contratación”. O primeiro deles, cun orzamento de 388.000 euros, consistirá na mellora
integral do Camiño da Geira e dos Arrieiros e mais o Miñoto-Ribeiro e incluirá a
sinalización de ambas rutas e o seu acondicionamento.
O segundo, cun investimento de 300.000 euros, incluirá a creación de pistas cubertas de
tenis e pádel. Por último, tamén se levará a cabo a rehabilitación dun espazo en Aguións
para convertelo “nun centro de apoio e dinamización do sector primario na Estrada”, ao
mesmo tempo que se sinalizará a Ruta da Sidra, se organizarán obradoiros e se creará
unha web para a promoción de produtos do sector primario. Unhas actuacións ás que se
adicarán 400.000 euros. Unha vez finalizados estes traballos, só quedará dispoñible para
investir o 10% das axudas, que deberá ser executado antes do 31 de decembro do 2023.







































