O Teatro Principal acollerá o día 25 a IX Festa das
Palabras coa autora Rosalía Morlán como madriña

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou esta
mañá xunto con representantes dos equipos de dinamización lingüística dos centros
educativos estradenses a programación da IX edición da Festa das Palabras, que se
celebrará no Teatro Principal da Estrada o vindeiro 25 de maio e estará amadriñada pola
autora Rosalía Morlán.
Na súa intervención, Juan Constenla agradeceu a implicación de toda a comunidade
educativa da vila neste proxecto que busca promover o uso da lingua galega entre a
mocidade e que supón o peche ao traballo desenvolto nas aulas durante todo o curso
escolar.
A IX Festa das Palabras comezará ás 20.30 horas no Teatro Principal cunha intervención
da madriña elixida para este ano, a escritora galega de literatura infantil Rosalía Morlán.
A continuación terá lugar a entrega de premios do IX concurso de micropoemas e
microrrelatos, organizado polos equipos de dinamización lingüística dos centros. Nesta
ocasión, os/as alumnos/as decidiron no primeiro trimestre entre os títulos das obras do
escritor homenaxeado o Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán, que os
microrrelatos deberían conter a palabra “loita” e os micropoemas a palabra “infinda”.
Xunto co premio, os/as gañadores/as recibirán un libro conmemorativo da edición cos 62
textos que resultaron premiados e con 14 ilustracións realizadas polo alumnado de
Educación Infantil dos centros escolares. Ademais, o acto contará co acompañamento
musical da agrupación Favorita.
Durante a presentación, a coordinadora local dos equipos de dinamización lingüística
Dinamizaestrada, María Tato, agradeceu a colaboración do Concello da Estrada e sinalou
a importancia de continuar con esta celebración para dar “un pasiño máis cara ese futuro
esperanzador en que o galego sexa falado en todos os ámbitos”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta