A Estrada acollerá a segunda edición do festival
O Son dos Arrieiros, de balde e con música na rúa

O alcalde da Estrada, José López, participou esta mañá na
presentación que tivo lugar no Teatro Principal da segunda edición do festival O Son dos
Arrieiros, enmarcado dentro dos Concertos do Xacobeo, que se celebrará os días 16, 17
e 18 de setembro e espallará a música de 21 artistas e grupos galegos polas rúas e prazas
do casco urbano estradense.
Na súa intervención, o rexedor local aplaudiu este “novo formato” que terá un
importante retorno na hostalería da Estrada e agradeceu a implicación da Xunta de
Galicia ao incluír este festival dentro da súa programación do Xacobeo 21-22 para poder
contar cun proxecto “diferente e propio”, que permitirá que a nosa vila se convirta na
“capital cultural de Galicia” durante esa fin de semana. Ademais, López amosou o seu
desexo de darlle continuidade a este festival nos vindeiros anos e destacou a súa
contribución para divulgar o Camiño da Geira e dos Arrieiros.
A entrada para O Son dos Arrieiros será de balde este ano e as actuacións programaranse
combinando os espazos que se están a humanizar na Estrada con outros coma o Teatro
Principal. O cartel desta edición inclúe os/as seguintes artistas e grupos musicais galegos:
Sleepy Spice, Berto, C Mirazo, Mundo Prestigio, The Rapants, Mariagrep, Youcanthide, A
Banda da Loba, Grima, Susana Seivane, Néboa, Ortiga, Treintañeras Cañeras, Allova, Copa
Turbo, The Blind Crows, Grande Amore, Kris K DJ, Catuxa Salom, Señora DJ e Caamaño &
Ameixeiras.
Ademais, durante a rolda de prensa avanzouse que a intención é encher de música e
actividades a xornada do sábado 17 de setembro dende a mañá á noite, para facilitar que


os visitantes se queden na Estrada durante a fin de semana, e dentro das actividades está
contemplada a celebración dunha sesión vermú.
Durante a presentación, o alcalde estivo acompañado da directora de Turismo de Galicia,
Nava Castro; e da xerente da produtora que organiza o festival, Patricia Hermida.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta