O concelleiro de Eventos, Gonzalo Louzao, presentou esta
mañá no Concello os tres grandes espectáculos que reunirán sobre o escenario a 186
artistas estradenses durante a xornada do sábado 25 de xuño, dentro da programación
das festas patronais do San Paio: o Festival de Música Tradicional, a gala Tequexetéldere
30 Aniversario e o Start of Summer Festival.
Na súa intervención, o edil de Eventos destacou a “aposta pola cultura local” do Concello
da Estrada, ofrecendo durante a celebración das festas patronais do San Paio grandes
formatos para todos os públicos compostos por “ADN local”, cunha programación que
“reserva o espazo central para as agrupacións máissenlleiras da Estrada”. Louzao engadiu
que, ante a probabilidade de chuvia, os dous escenarios nos que se desenvolverán estos
eventos estarán cubertos.
En primeiro lugar celebrarase o Festival de Música Tradicional, ás 19.30 horas na Alameda
Municipal, que se retoma despois de dous anos de parón pola pandemia. Contará coa
participación de máis de 90 compoñentes da escola e da Banda de Gaitas de Barbude,
que estará acompañada da Asociación Cultural Malante de Malpica e da Orquestra de
Foles de Portugal. O presidente da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de
Barbude, José Ramón Brea, asegurou que “haberá sorpresas durante a actuación” e
engadiu que o obxectivo é darlle continuidade a este espectáculo durante os vindeiros
anos para “manter viva a música tradicional na Estrada”.
Ás 22.30 horas, a Praza do Concello acollerá o concerto especial polo 30 aniversario da
Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere, que tivo que ser cancelado no 2020
por mor da pandemia. A intención da agrupación é repetir o formato empregado para
celebrar o seu 25 aniversario, hai sete anos no Teatro Principal, que contou cunha gran
acollida entre o público. Entre músicos e bailadores xuntaranse 85 persoas sobre o
escenario e os/as integrantes de Tequexetéldere contarán co acompañamento da Banda
de Música Municipal da Estrada, que interpretará nove pezas da agrupación de baile
tradicional adaptadas polo compositor estradense Simón Couceiro.
Ás 00.00 horas pechará a programación do sábado a terceira edición do Start of Summer
Festival na Alameda Municipal, no que acompañarán a Henry Méndez e a Groove Amigos
os DJ estradenses de todos os locais de ocio nocturno do municipio. Actuarán Carlos
López, Zana, Pedro Rivis, Álex Brea, Xabi Villar e Iván Campos ata o remate do festival,
arredor das 4.00 horas da madrugada.
O edil de Eventos tamén adiantou os avances na preparación dos festexos, que
comezarán coa sardiñada de San Xoán a noite do 23 de xuño. “As últimas atraccións de
feira chegarán ao longo do día”, asegurou o edil, e engadiu que se está a “ultimar a
instalación do alumeado” á espera de colocar os postos de rúa nos vindeiros días, que
estarán situados na rúa Iryda, na Praza do Concello e na rúa Calvo Sotelo.
Durante a presentación, o edil de Eventos estivo acompañado do presidente e a
secretaria da Asociación Cultural Escola de Música Tradicional de Barbude, José Ramón
Brea e Andrea Arias; do xerente da Agrupación Folclórica Estradense Tequexetéldere,
Kike Vázquez; do vicepresidente da Banda de Música Municipal da Estrada, Rubén
Calviño; e do DJ estradense Carlos López.







































