A Concellaría de Deportes, que dirixe Ismael Pena,
brindará aos veciños e veciñas do municipio un amplo “menú deportivo” composto por
sete eventos que complementarán a oferta cultural e de ocio durante as festas patronais
de San Paio 2022, que se celebrarán na Estrada dende o 23 ata o 27 de xuño.
Trátase dunha programación deportiva para todas as idades e con ampla participación da
veciñanza, que presenta novidades e recupera actividades que tiveran que ser canceladas
pola situación sanitaria durante os dous anos anteriores. A primeira cita deportiva
organizada polo Concello da Estrada no marco do San Paio será a carreira Nocturna
Estradense, que celebrará a súa X edición baixo o nome de “Estranoite” o venres 24 de
xuño, despois de dous anos de parón pola pandemia. O evento contará con 470
corredores inscritos. As categorías infantís sairán ás 21.00 horas e a categoría absoluta ás
23.00 horas, ambas dende a rúa Calvo Sotelo, e a proba estará musicada polo Power Trío
a partir das 23.00 horas.
Durante a xornada do sábado 25 celebraranse varias actividades relacionadas co deporte.
Ás 10.00 horas, o campo de fútbol Manuel Regueiro acollerá o torneo preparatorio para
o Campionato Europeo 2022 da Selección Galega de Fútbol Gaélico; á mesma hora, dará
comezo no pavillón Manuel Coto Ferreiro o torneo 3×3 de baloncesto coas categorías
benxamín, alevín, infantil e cadete e, xa pola tarde, ás 16.00 horas, continuará coas
categorías xuvenil e sénior; a partir das 16.00 horas, a zona deportiva tamén acollerá a
oitava edición do Trofeo de Ciclismo Concello da Estrada; unha hora máis tarde, ás 17.00
horas, terá lugar un seminario de defensa persoal feminina, de balde e sen inscrición
previa, no pavillón Manuel Coto Ferreiro.
O domingo 26, a primeira cita deportiva será o torneo 3×3 de fútbol sala que se disputará
no pavillón Manuel Coto Ferreiro a partires das 9.30 horas e, xa pola tarde, continuará a
partires das 15.30 horas. Durante a xornada tamén se levará a cabo o XFest na Estación
de Autobuses, con actividades como skateboard, escape room, karaoke ou ponte-
slackline dende as 11.00 horas, e obradoiro de grafitis, batalla de galos e esgrima histórica
a partir das 16.00 horas. As actividades deportivas do domingo finalizarán coas fases
finais do Torneo de Tenis Concello da Estrada, que comezarán ás 17.00 horas nas pistas
municipais de tenis.
O luns 27 de xuño, derradeiro día das festas, completará o “menú deportivo” a
celebración da Festa da Bicicleta. A actividade dará comezo ás 11.00 horas na Praza do
Novo Mercado e contará con dous circuítos, un para menores e outro para maiores de
14 anos, cun percorrido de 800 metros e de 5 quilómetros respectivamente.






































