Os postos da feira estradense volverán á súa
ubicación habitual a partir do vindeiro 6 de xullo

O concelleiro de Mercados, Gonzalo Louzao, visitou esta
mañá a cada un dos feirantes situados no aparcadoiro municipal da rúa Iryda para
comunicarlle a súa volta á Praza da Feira a partir do mércores 6 de xullo, unha vez
rematadas as obras neste espazo e finalizadas as festas patronais do San Paio.
Durante a visita, Louzao aproveitou para notificarlles de maneira individualizada tanto as
renovacións das concesións dos postos como aqueles que deberán causar baixa “por
presentar débedas co Concello ao non pagar a ocupación do espazo público de xeito
reiterado”, explicou o edil. Concretamente, permanecerán activos 63 postos e haberá 11
propostas de baixa, que se sumarán aos 26 postos que se decidiu non ocupar durante a
pandemia “para garantir a distancia social” e se mantiveron libres durante a execución
das obras de mellora da Praza da Feira “co obxectivo de adaptarse á ubicación provisional
no aparcamento da rúa Iryda, de menores dimensións”, asegurou Louzao. Aqueles postos
que foron propostos para causar baixa terán agora un prazo de dez días hábiles para
realizar alegacións e intentar xustificar a súa situación.
Unha vez realizado o cambio de ubicación, co que se respectará na medida do posible as
zonas nas que xa estaban situadas os postos actuais, o concelleiro de Mercados avanzou
que se cubrirá a totalidade dos 100 espazos dispoñibles na Praza da Feira “coa
incorporación dos postos que figuran na listaxe de agarda” recollida no Departamento de
Tesourería, voltando a unha feira “de gran formato” con postos de alimentación, textil e
polbeiros.
Nos vindeiros días, o Concello contactará cos postos que figuran nesa listaxe para
comprobar de xeito individualizado, por orde de entrada no rexistro, se cumpren cos
requisitos. De ser así, poderán escoller entre os 37 espazos dispoñibles.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.

Deja una respuesta