Bonificación do 50 % para paliar as abusivas subidas da contribución
Nova valoración axustada á realidade da Estrada e do mercado inmobiliario.
Solicitude de Comisión de Urbanismo para pedir explicacións ao goberno municipal ao efecto.
O grupo municipal socialista presentou unha moción para debater no Pleno Municipal na que solicita a adopción de medidas para contrarrestar os efectos da brutal subida da contribución das vivendas. Os socialistas buscarán un acordo para modificar á baixa o coeficiente municipal polo que se multiplican os valores catastrais no cálculo do imposto. Ademais solicitarán que se comece de inmediato a facer unha nova valoración das propiedades, para adaptar á realidade os valores das vivendas, tendo en conta a caída do mercado inmobiliario.
Este imposto é o tributo local que maior carga fiscal impón aos estradenses, cunha subida nos dous últimos anos do 140% sobre o seu valor no ano 2011. O goberno de López Campos na Estrada, eliminou a bonificación municipal do 37,5 %, establecida para corrixir os erros de sobrevaloración, motivo polo que dende o 2012 as familias estradenses tributan en función dunha valoración que non se axusta á realidade urbanista estradense. Se esto xa é unha inxustiza, ademais o Goberno do PP de Mariano Rajoy penalizou con outra subida, a maiores, este imposto. Estas subidas, aplicadas nos anos 2012 e 2013 foron prorrogadas por decreto para os anos 2014 e 2015.
“Existen un malestar profundo na cidadanía estradense polo afán recadatorio que deixan ver as subidas que o PP, local e estatal, aplicou ao imposto da contribución”, comentou Dono no marco da rolda de prensa na que presentou a moción que os socialistas presentaron no Concello da Estrada. “Mentres o valor das vivendas caeu polo chan, o seu prezo de mercado baixou, o imposto da contribución sobre as mesmas vivendas incrementouse desmesuradamente”.
Na Estrada, ao eliminarse a bonificación por parte do goberno municipal, este imposto subiu moito por encima da media dos outros concellos. Neste contexto, xa son moitos os concellos que teñen iniciado accións para solicitar o abono do IBI e para tentar paliar os efectos abusivos sobre as familias. É necesaria a adopción de medidas compensatorias que palíen o abusivo incremento que teñen soportado os veciños, sobre todo atendendo ás dificultades económicas e laborais que están a vivir moitas das familias estradenses.
Traballo nunha nova valoración e comisión informativa
Ao tempo, coa entrada en vigor PXOM a lei obriga a realizar unha nova valoración das propiedades. Os socialistas manifestamos a necesidade de comezar de inmediato os traballos cara a elaboración desta valoración, adaptada á realidade económica, social e urbana da Estrada. É necesario comezar de inmediato os estudos, rigorosos e detallados, que corrixan dunha vez por todas as sobrevaloracións e recollan a depreciación do valor das propiedades, posto que actualmente o mercado inmobiliario ten sufrido unha forte caída.
“O Alcalde esta a dicir que vai negociar unha baixada para algúns casos particulares onde cambiou a catalogación do terreo en función do PXOM, iso é propaganda. Adaptar as valoracións á realidade é un procedemento obrigado por lei. O que hai que facer é pisar o terreo e adaptar á realidade as valoracións. Os prezos xa non son os que eran, polo tanto o valor das propiedades tampouco”, afirmou o líder socialista. “Sen ir máis lonxe, no mesmo caso o alcalde López Campos desentendeuse dos afectados polo polígono de Lagartóns, veciños que están pagando por parcelas rústicas prezo de solo urbano industrial, iso tamén era unha inxustiza e preferiu mirar para outro lado”.
Os socialistas tamén solicitarán que se convoque a Comisión de Urbanismo para coñecer que pensa facer o Goberno Municipal coa situación dos afectados polo Polígono de Lagartóns, como pensa actuar ante os cambios tributario que afectarán aos núcleos rurais ao pasar a considerarse urbanos, posto que a entrada en vigor do PXOM cambia a súa valoración derivando obrigacións tributarias que poderían chegar a reclamarse con efectos retroactivos. O Alcalde terá que explicar as datas que manexa, posto que das mesmas pódense derivar consecuencias económicas prexudiciais para os veciños.
“Unha vez máis o Alcalde López Campos prefire facer propaganda electoral en lugar de pensar nos veciños, prefire seguir requisando o diñeiro das familias para poder facer propaganda, sen ir máis lonxe gastando o cartos de todos en campos de fútbol, vallas publicitarias e pancartas que aos veciños non lle aportan nada. Parece que non se entera que na situación económica actual o seu deber e reducir propaganda, gastar con criterio social e traballar para conseguir que aplicación dos impostos sea xusta”, concluíu Dono.
Redacción: PSdeG de A Estrada
Fotografía e Gravación: Iria Eiras






































