Guimarei recupera o festival Música da Terra o día
17 de setembro durante as súas festas das Dores

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
esta mañá a segunda edición do festival folk Música da Terra de Guimarei, coa que
colabora o Concello da Estrada, que se celebrará o sábado 17 de setembro en dita
parroquia despois de dous anos de parón pola pandemia.
Xunto co edil de Cultura, na presentación do evento participaron os membros da
comisión de festas de Guimarei Diego Rodríguez, Ricardo Casas e Alejandro García.
O evento dará comezo o sábado 17 de setembro ás 22.00 horas e contará coas actuacións
dos seguintes catro grupos de música tradicional galega: Treixadura, Os Carunchos, Tanto
nos Ten e Regatos. A entrada será de balde e, como novidade, este ano haberá servizo
de polbeiro.
O festival enmárcase dentro das festas das Dores de Guimarei, que se celebrarán dende
o venres 16 ata o domingo 18 de setembro. O venres 16, ás 20.00 horas haberá misa da
novena na honra á Virxe das Dores; e ás 21.30 horas terá lugar unha degustación gratuíta
de porco á brasa e mais a actuación do Dúo Punto Cero.
O sábado 17, ás 13.00 horas haberá misa cantada na honra a San Roque e, a continuación,
procesión e sesión vermú coa actuación de Decotío Gaiteiros. Pola noite, ás 22.00 horas,
será a quenda da segunda edición do festival folk “Música da Terra de Guimarei”.
O domingo 18 será o derradeiro día de festa. Os actos comezarán ás 13.00 horas coa misa
cantada na honra á Virxe das Dores e a posterior procesión co acompañamento musical
da Banda de Música Municipal da Estrada. Pola tarde, a partir das 19.00 horas, haberá
verbena amenizada pola orquestra Olympus e a discoteca móvil espectáculo CDC Mega.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.