A Estrada recupera a súa Feira da Xuventude os
días 24 e 25 coa participación de 53 colectivos

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou
hoxe a segunda edición da Feira da Xuventude, que se celebrará no pavillón Manuel Coto
Ferreiro os días 24 e 25 de setembro despois de dous anos de parón pola pandemia e
contará coa participación de 53 colectivos e emprendedores.
Na presentación do evento, o edil de Cultura estivo acompañado dos directivos da
Asociación Recreativa, Cultural e Educativa Ocionautas Annie Sánchez e Alonso de la
Cantera; e da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de
Galicia, Cris Pichel. Na súa intervención, Constenla agradeceu o labor da Asociación
Recreativa, Cultural e Educativa Ocionautas, organizadora do evento, e mais da Xunta de
Galicia, colaboradora xunto co Concello da Estrada. “As administracións públicas
debemos amosar o noso compromiso con iniciativas coma esta, que potencien o talento
e brinden oportunidades de futuro para a nosa mocidade”, asegurou o edil, e engadiu
que “debemos aproveitar este escaparate con ideas revolucionarias en sectores como a
artesanía, a tecnoloxía, a ciencia, a cultura ou o deporte para que sigan crecendo e
creando”.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de
Galicia, Cristina Pichel, asegurou que a feira “é unha boa oportunidade para a mocidade
da contorna para coñecerse, aprender e intercambiar contactos para que poidan xurdir
novos proxectos froito destas alianzas”. Neste senso, a secretaria de Ocionautas, Annie

Sánchez, agradeceu o apoio das administracións “para materializar este proxecto, creado
coa intención de que tanto emprendedores como colectivos creen sinerxías”.
Durante os días nos que se celebre a feira, o pavillón Manuel Coto Ferreiro estará aberto
de 11.00 a 20.00 horas, a entrada será de balde e desenvolveranse 60 actividades
protagonizadas polos colectivos e emprendedores. Os/as participantes, procedentes da
Estrada e doutras 16 localidades galegas, beneficiaranse de espazo expositivo de balde,
axudas para o desprazamento, dietas e zona de acampada. Ademais, o evento contará
con profesionais baixo a figura de “coaches”, que avaliarán e asesorarán aos colectivos
participantes; e con observadores de empresas de recoñecido prestixio co obxectivo de
captar novos talentos entre os asistentes.
As actividades enmarcadas nesta segunda edición da Feira da Xuventude darán comezo
o sábado 24 de setembro ás 12.00 horas, con exhibicións de xogos de mesa e charlas
sobre o movemento LGBT+ ou sobre cómo emprender no mundo da arte. Ás 13.00 horas,
a asociación Pegadas Culturais realizará unha mostra das súas actividades; celebraranse
varias probas de jugger para dar a coñecer este deporte; e haberá unha charla sobre a
Asociación Entropía. Ás 15.00 horas, haberá dous obradoiros de iniciación no airsoft e de
introducción á creación de personaxes. Ás 16.00 horas, actuará o grupo de teatro Cajón
de Sastre; a asociación xuvenil Arousa Moza realizará un concurso; Latexo Percusión
ofrecerá un obradoiro gratuíto de percusión afrobrasileira; haberá unha demostración de
“highline»; e o grupo de fútbol americano Blackravens ofrecerá unha charla informativa.
Ás 17.00 horas, a asociación UVigo Motorsport explicará cómo se fabrica un vehículo;
Magic Stride achegará aos participantes o xogo de cartas Magic The Gathering; e a
asociación Slackline Na Ría abordará as modalidades e os beneficios da práctica do
slackline. Ás 18.00 horas haberá obradoiros de creación de xogos de mesa e de iniciación
ao slackline e, ás 19.00 horas, a asociación Izel presentará o seu proxecto internacional
de skateboarding solidario.
Á noite, a partir das 22.00 horas, están programados varios concertos na Zona dos Viños
protagonizados polas seguintes agrupacións: GoldenWolves, Latexo Percusión,
Overlook237 e Gbriek.
A xornada do domingo 25 comezará ás 11.00 horas coa representación dramática da
escritora Paula Cascallar. Ás 12.00 horas, o autor Efrén presentará os seus libros; Explicit
Prods ofrecerán un obradoiro de edición de imaxes; e a asociación Rotting Pizza celebrará
un concurso de pintar miniaturas. Ás 13.00 horas haberá varias charlas sobre obras
pictóricas, deportes de montaña e a participación social. Ás 15.00 horas, XenTD100cia
ofrecerá a charla “Son demasiado pequenos, a verdade da ciencia na infancia”; Gbriek
ensinará a producir música a nivel profesional; e Delta Operators realizarán
entrenamentos de airsoft. Ás 15.30 horas comezará o encontro amistoso de roller derby
entre o Irmandiñas, Jabatas e Negra Sombra. Ás 16.00 horas, UVigo Aerotech explicará
cómo se fabrica un avión e a asociación Blackwater ofrecerá un obradoiro de iniciación
ao airsoft. Ás 17.00 horas, Yumivigo realizará un obradoiro de iniciación ao cosplay e á

caracterización; Blackravens levarán a cabo unha exhibición de fútbol americano; e
Jugger Galicia ofrecerá unha charla sobre este deporte. Finalmente, ás 18.00 horas
rematarán as actividades coa charla sobre quidditch de Quidditch Galicia e mais coa
charla de Javier Cabalar sobre adestramento canino.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.