A concelleira de Igualdade, Amalia Goldar, presentou
esta mañá a aplicación móbil gratuíta “Benquéro(ME)”, impulsada desde o Centro de
Información á Muller do Concello da Estrada co obxectivo de promover a igualdade e
previr a violencia de xénero entre a mocidade estradense.
Na súa intervención, Goldar destacou que esta iniciativa, financiada con fondos do Pacto
de Estado contra a violencia de xénero e deseñada en colaboración coa empresa
ReTnova, “é froito de varios meses de traballo para conseguir crear un recurso atractivo,
fácil e útil, capaz de chegar á poboación dunha maneira efectiva”, e expresou o seu
desexo de que “teña un bo recibimento entre a mocidade”. Neste senso, a edil adiantou
que se realizará unha campaña de divulgación desde o Concello a través dos centros
educativos da Estrada para presentar esta ferramenta e explicarlle o seu funcionamento
aos estudantes.
Durante a presentación da aplicación, a concelleira de Igualdade estivo acompañada da
directora do Centro de Información á Muller da Estrada, Marga de la Calle; e da
representante de ReTnova Lara Fuentes. Marga de la Calle explicou que a aplicación xa
está dispoñible para descargar tanto en dispositivos iOS como Android e é útil “tanto para
homes como para mulleres”. “Temos a esperanza de que con ferramentas coma esta se
poida atallar este problema crecente entre a mocidade e axudar ás mulleres a tomar a
decisión”, engadiu.
Aqueles/as que descarguen a aplicación nos seus dispositivos poderán atopar, entre
outras, as seguintes pantallas e funcionalidades: un test de autoavaliación para homes e
mulleres, co obxectivo de coñecer se están a ser vítimas de violencia de xénero ou están
a exercela nas súas parellas; un test con explicacións para desmentir mitos ou
estereotipos sobre a violencia de xénero; unha serie de recomendacións xenéricas
baseadas en casos reais; pasos que deben seguir se teñen coñecemento dalgunha
situación de violencia de xénero ou se a están a sufrir; e recursos dispoñibles aos que
acudir.
A maiores, Marga de la Calle explicou que “co obxectivo de manter viva a aplicación”,
conta cun apartado de novas “que se irá actualizando coas actividades que se
desenvolverán neste eido desde o Concello” e mais cunha caixa de consultas ou
suxestións “para facela máis participativa e aberta”
O Concello lanza a aplicación “Benquéro(ME)” para
combater a violencia de xénero entre a mocidade
Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.







































