López anuncia que o Concello fará unha reforma integral
das piscinas municipais para mellorar a súa eficiencia

 O alcalde da Estrada, José López, avanzou esta mañá
que o Concello levará a cabo unha reforma integral das piscinas municipais, logo de
reunirse con técnicos municipais para avaliar o estado das instalacións e determinar as
actuacións que se deberán acometer.
O rexedor local explicou que, “despois de levar máis de 25 anos sen que as piscinas
municipais sexan obxecto de melloras estruturais”, durante o encontro mantido cos
técnicos constatáronse varias deficiencias e perdas de auga na piscina olímpica, e engadiu
que “desde o Concello non imos permitir nin por funcionalidade nin por eficiencia
continuar cunhas instalacións neste estado”.
As actuacións plantexadas centraríanse no vaso de maior capacidade, de 50 metros de
longo e 25 metros de ancho, e consistirían en converter esta piscina olímpica en dous
vasos máis pequenos: un deles de 25 metros de longo por 12,50 metros de ancho, e o
outro de 16 metros de longo por 8 metros de ancho. Esta mellora conlevaría un
importante aforro, xa que dos arredor de 2.000 metros cúbicos de auga que son
empregados na actualidade para encher a piscina olímpica, coa construción dos dous
novos vasos só se precisarían 700. Ademais, tamén permitiría aumentar a oferta aos
usuarios ao dispoñer dun novo vaso intermedio de menor profundidade. Os traballos
completaríanse co cambio de todo o sistema de circulación da auga.
“Con estas importantes melloras reducirase considerablemente o consumo de auga e a
veciñanza poderá volver a gozar dunhas instalacións á altura das súas expectativas”,
asegurou o alcalde.
Co fin de ter executados os traballos antes do próximo verán, López avanzou que unha
vez finalizado o informe dos técnicos municipais haberá unha proposta firme de
actuación no mes de outubro e “intentarase axilizar o procedemento o máximo posible”
para comezar coa licitación das obras durante este ano. “Aproveitaremos este proxecto
para engadirlle valor a unhas instalacións que funcionan moi ben durante a tempada
estival e que, xunto con outros espazos como a praia fluvial de Liñares, completan unha
oferta moi interesante para a veciñanza no verán”, remarcou López.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.