O alcalde da Estrada, José Carlos López, e a coordinadora de
Desenvolvemento e Xestión de Medios e directora en funcións de Inserta
Empleo en Galicia, Beatriz Gallego, asinaron esta mañá un convenio para
fomentar o emprego das persoas con discapacidade do municipio.
Este acordo establece un marco de colaboración para mellorar a situación no
mercado laboral das persoas con discapacidade mediante o establecemento
de programas de formación, captación, derivación, orientación e inclusión
destas ao mercado laboral, para facilitar o seu acceso a un emprego de
calidade.
Así mesmo, prevé o deseño conxunto e a execución de accións específicas
para mozas con discapacidade, para impulsar a súa incorporación no
mercado laboral e concienciar o tecido empresarial na aposta polo talento
novo. O convenio tamén inclúe a colaboración co tecido asociativo do
municipio para que a prestación de servizos a persoas con discapacidade se
canalice a través das diferentes asociacións que as representan.
O alcalde asegurou que “é un privilexio poder asinar este acordo de
colaboración para atender os colectivos máis desfavorecidos, buscando a
igualdade de oportunidades para todas aquelas persoas que queiran
incorporarse ao mercado laboral”. López destacou tamén “o momento doce
que está a travesar o mercado laboral no noso concello”.
Pola súa banda, Beatriz Gallego asegurou que o acordo hoxe asinado
“reforza a atención ás persoas con discapacidade, xa que son os concellos
os que mellor coñecen as necesidades dos cidadáns por ser a institución
máis próxima a eles”.
Gallego engadiu que “imos sumar esforzos e compartir recursos, o que,
estamos convencidos se vai traducir na mellora da empregabilidade das
persoas con discapacidade na Estrada”.
Este convenio enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da
Economía Social (Poises) e de Empleo Juvenil (POEJ), que está a
desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, co cofinanciamento do
Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Empleo Juvenil, para incrementar a
formación e o emprego das persoas con discapacidade.
Inserta Empleo é a entidade de recursos humanos de Fundación ONCE
expertos na atención ás persoas con discapacidade, e centra a súa
actividade en mellorar a súa formación e conseguir a súa inclusión no
mercado laboral. Conta cunha experiencia de máis de 25 anos e un equipo
de expertos en orientación e intermediación, repartidos polas súas 46
oficinas en toda España. Axuda ás persoas con discapacidade a atopar
emprego, as forma se é necesario, e ofrece ás empresas os mellores
candidatos para os postos que necesitan cubrir. Todo iso de forma gratuíta.







































