MÓVETE PRESENTA UNHA MOCIÓN PARA QUE O CONCELLO DA ESTRADA ASINE A DECLARACIÓN E COMPROMISO PARA A GALEGUIZACIÓN XURÍDICA DOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA

O pasado 14 de xaneiro de 2023 no Pazo da Deputación de Pontevedra realizouse un acto onde unha grande parte dos concellos da Provincia de Pontevedra, asinaron unha Declaración e Compromiso para continuar contribuíndo á normalización do uso oral e escrito do galego como lingua do dereito, das relacións xurídicas e dos procesos xudiciais nos que interveñan as corporacións municipais. Así o que se pretende co citado compromiso, entre outras cuestións, é que cando un concello contrate un avogado ou procurador, estes profesionais do dereito usen o galego tanto no ámbito escrito como no oral.

O acordo foi promovido por tres institucións:

A Irmandade Xurídica Galega, Asociación de xuristas partidarios do uso da lingua galega na actividade xudicial.

A Deputación de Pontevedra, representada na xuntanza do día 14 pola súa Presidenta Carmela Silva (PsdG) e pola deputada de lingua María Ortega (BNG).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, acudindo en representación da mesma o seu máximo responsable, o estradense Valentín García (PPdG).

Deste xeito  a Declaración e Compromiso reflicte un amplo consenso entre un importante sector dos profesionais do ámbito do dereito e da xustiza, así como das tres forzas políticas con representación parlamentaria en Galicia.

O Concelleiro de Móvete Iván Sanmartín acudiu ao dito acto, neste caso, como membro da citada Irmandade Xurídica Galega. Tamén compareceron, asinando o Compromiso, alcaldes da nosa contorna como Xosé Crespo de Lalín, ou Juan Manuel Rey de Caldas de Reis, así como outros que non puideron asistir, mais enviaron unha mensaxe onde manifestaron a súa intención de facelo nos seguintes días, como o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, ou a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel. Sen embargo, ningún representante do Concello de A Estrada acudiu para asinar o sinalado Compromiso, nin tampouco deixaron constancia da intención de asinar o mesmo, todo elo a pesar de que puidemos saber de que todos os Concellos da nosa provincia foran invitados a este acto.

Dende MOVETE consideramos que o Concello de A Estrada ten que manter o seu histórico compromiso coa nosa lingua, e que a sinatura da DECLARACIÓN E COMPROMISO PARA A GALEGUIZACIÓN XURÍDICA DOS CONCELLOS DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA supón un evidente avance na normalización do galego nun ámbito como é o dereito e a xustiza onde aínda queda moito camiño por percorrer neste eido, polo tanto vimos de presentar unha Moción para que este asunto se debata en Pleno, de xeito que no mesmo se aprobe subscribir e asinar polo Concello de A Estrada a citada Declaración e Compromiso.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.