En abril e sen orzamentos

 «O goberno de López cobra 168.000 euros ao ano en dedicacións exclusivas, pero  non traballan moito polo concello»

Estamos en abril e a escasos dous meses das eleccións municipais e o goberno municipal do PP aínda non presentou os orzamentos de 2023. Segundo explicou o candidato do BNG, Xoán Reices, «é incomprensíbel que a estas alturas do ano aínda non teñamos os orzamentos aprobados; este goberno cobra 168.000 euros ao ano en dedicacións exclusivas, pero polo que se ve non traballan moito polo concello».

Reices explicou que «este desfase á hora de aprobar os orzamentos non é a primeira vez que ocorre, xa pasou en 2020». «Daquela puxeron de escusa pandemia e o confinamento», explica o candidato do BNG, «mais, que desculpa teñen este ano? Ningunha».

«López ten unha maioría absolutísima para sacar os orzamentos sen problema, e se precisa cambiar o concelleiro de facenda porque non fai o seu traballo, a pesar de ter dedicación parcial de 20.000 euros anuais, terá que facelo; as concellarías son delegacións do alcalde, que ten todas as competencias, é a responsabilidade do alcalde sacar os orzamentos», afirma Reices.

«Isto pon de manifesto unha vez máis o que vimos dicindo desde o BNG desde hai tempo, que este goberno é inoperante, non traballa nin se preocupa polos problemas dos veciños e veciñas, e ter uns orzamentos aprobados en tempo e forma é clave para solucionalos», explica o candidato do BNG, Xoán Reices.

«A Estrada non pode soportar por máis tempo a este goberno inútil» engade Reices, «o noso concello mere máis, merece un goberno que estea á altura e responda diante dos veciños e veciñas, que traballe para solucionar os múltiples problemas que ten; o 28 de maio é tempo de mudanzas, así non podemos seguir».

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.