A XUNTA DESTINA 836.000€ AOS NOVE CONCELLOS DE DEZA E TABEIRÓS-MONTES AO ABEIRO DO PLAN DE MELLORA DE CAMIÑOS RURAIS 2023-2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destina unha achega de 836.971 euros a prol dos nove concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, no que supón a partida máis importante de toda a comunidade galega.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou hoxe da resolución para esta zona nunha visita a Rodeiro, onde supervisou as obras realizadas en viais de Vilela e O Salto grazas aos fondos concedidos coa anterior convocatoria, na compaña do  xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e o alcalde, Rubén Quintá, ao que confirmou que a dotación deste programa para o seu concello sitúase este ano en 83.534 euros, o que supón un lixeiro incremento con respecto ao exercicio precedente.

“A Xunta vai colaborar cos concellos de Deza e Tabeirós-Montes, como todos os anos, e prevé inxectar uns 836.000 euros nestas bisbarras para a mellora dos seus camiños municipais de uso agrícola, algo que é fundamental para axudarlles a facilitar a súa mobilidade interna e tamén a destinada a estas tarefas do agro. Ademais, a aposta polo apoio aos concellos volve saír reforzada, posto que se consolida o forte incremento de entre o 20% e o 30% aplicado o ano anterior”, sinalou o representante autonómico.

En concreto, a resolución da Consellería do Medio Rural distribuirá 53.606 euros para Dozón, 140.961 euros para A Estrada, 78.732 euros para Forcarei, 82.714 euros para Agolada, 115.278 euros para Lalín, os citados 83.534 euros para Rodeiro, 95.481 euros para Silleda, 68.553 euros para Vila de Cruces e 118.112 euros para Cerdedo-Cotobade. Precisamente hoxe finaliza o prazo de solicitude.

Visita á mellora en Vilela e O Salto

Na súa visita ao municipio de Rodeiro, o delegado territorial acudiu a supervisar as obras de pavimentación de camiños en Vilela e O Salto, que foron executadas coa achega íntegra de máis de 80.000 euros do Plan Marco 2022-2023. Esta actuación consistiu na renovación do firme en diversos tramos, que se atopaban deteriorados pola antigüidade da capa asfáltica, a carga de tráfico e os efectos da meteoroloxía, a preparación de cunetas, canalizacións de augas pluviais e outras pequenas melloras.

Ademais, o Concello de Rodeiro recibiu nos últimos anos, ao abeiro dos distintos programas de investimentos da Consellería do Medio Rural, unha contía global de máis de 600.000 euros, o que lle permitiu actuar en preto de vinte pistas municipais nos lugares de A Ponte, Fornas, Barbeitos, O Carballo, Mourigás, Padín, Vilameá, Lamademena, Suíme, Río, Vistuíde, Mamoelas, Calque, Carboentes, O Coto ou A Torre. “Rodeiro é dos municipios máis beneficiados da provincia ao abeiro do Plan Marco, xa que Xunta sempre ten ánimo de colaborar cos concellos rurais, e iso se traduce neste apoio tan importante, posto que ten en conta que este municipio ten un fortísimo peso agrogandeiro e distribúese en ata vinte parroquias con máis de 150 quilómetros cadrados de superficie”.

Esta entrada fue publicada en Portada. Guarda el enlace permanente.